Lourenzá revive este venres, 28 de agosto, a Lenda do Conde Santo

A Xunta de Galicia anuncia que colabora coas festas do Conde Santo, de Lourenzá, que se desenvolverán desde este xoves, 27 de agosto, ata o próximo luns, 31 de agosto, cunha programación que “combina os actos máis tradicionais con música e propostas para todos os públicos”. O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, participou na presentación das actividades xunto con representantes da asociación cultural C onde Santo, encargada da organización. A Xunta destaca que a representación da Lenda do Conde Santo é “un dos actos máis emblemáticos destes festexos”. O claustro do Mosteiro de San Salvador acollerá a partir das 21,30 horas a tradicional cea, así como os concertos de Pantera Rosa e Grande Osso. Os organizadores animan aos asistentes a acudir ataviados con traxes de época.

Alfonso Villares puxo en valor o “carácter singular dunha celebración profundamente ligada á identidade de Lourenzá”, que cada ano reúne a veciños e visitantes arredor da figura do Conde Santo.

A programación continuará durante a fin de semana e o luns con diferentes propostas musicais e festivas.