Xa se coñecen os números premiados na campaña da Volta ao Cole de Acisa Ribadeo. As persoas afortunadas poden reclamar os seus vales de compra ata o 30 de setembro

Acisa Ribadeo realizou este venres, 11 de setembro, o sorteo da súa campaña da Volta ao Cole, unha iniciativa coa que a asociación quixo incentivar as compras no comercio local coincidindo co inicio do curso escolar e a chegada da nova tempada de outono-inverno.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou: “celebrouse en Acisa o sorteo da nosa campaña da Volta ao Cole, no que puxemos en xogo un total de 300 euros en vales de compra, repartidos en tres premios de 100 euros cada un. Os números agraciados foron o 5.072, o 8.384 e o 6.359”.

Pérez engadiu que “as persoas que posúan as papeletas correspondentes a estes números teñen ata o vindeiro 30 de setembro para reclamar o seu premio. Poderán facelo acudindo ás oficinas de ACISA Ribadeo, na Rúa San Roque, 57-baixo ou contactando coa asociación a través do WhatsApp no número 663.39.62.26. Aqueles premios que non sexan reclamados dentro deste prazo quedarán desertos”.

Pola súa banda, a presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, sinalou que “estamos moi satisfeitos co resultado desta campaña, na que se repartiron 10.000 rifas en moi poucos días, o que demostra unha vez máis que a cidadanía confía no comercio local de Ribadeo para realizar as súas compras de cara á volta ao cole e tamén para preparar a nova tempada de outono-inverno”.

Cruzado subliñou que “campañas coma esta permítennos seguir incentivando o consumo nos establecementos locais e ao mesmo tempo premiar a fidelidade das persoas que apostan cada día polo comercio de proximidade. Desde Acisa queremos agradecer tanto a participación dos clientes como a implicación dos establecementos asociados”.

A campaña da Volta ao Cole de Acisa Ribadeo contou coa cofinanciación da Xunta de Galicia, a través de Comercio Galego, dentro das accións destinadas á dinamización e promoción do comercio local.