O Concello de Alfoz abre ata o 22 de setembro o prazo de inscrición para as actividades deportivas de adultos

O Concello de Alfoz pon en marcha unha nova edición das actividades deportivas dirixidas á poboación adulta, cunha oferta que “combina propostas xa tradicionais con outras incorporadas nos últimos anos e que, tras a boa acollida, se consolidan dentro da programación municipal, como pilates e pádel”.

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 15 ao 22 de setembro, podendo realizarse a solicitude a través da sede electrónica ou de maneira presencial na oficina de rexistro do Concello. As prazas son limitadas.

O Concello de Alfoz explica que “a programación inclúe ximnasia de mantemento, ioga, aeróbic, pilates e pádel. A ximnasia de mantemento desenvolverase os martes e xoves, de 18:30 a 19:30 horas, no Pavillón Municipal; o ioga, os luns e mércores, de 19:30 a 20:30 horas, na Escola de Nenos de Adelán; e o aeróbic, os martes e xoves, de 19:30 a 20:30 horas, no Pavillón Municipal. Pola súa banda pilates continúa na oferta municipal tras a súa incorporación á programación, con sesións os luns de 18:30 a 19:30 e os mércores de 20:30 a 21:30 horas na Escola de Nenos de Adelán, podendo as persoas participantes optar por asistir un ou dous días á semana. Tamén se consolida a actividade de pádel, que se desenvolverá os sábados pola tarde e contará con grupos de iniciación e perfeccionamento. Para esta nova edición haberá dous turnos por nivel: iniciación, de 16:00 a 17:00 e de 19:00 a 20:00 horas; e perfeccionamento, de 17:00 a 18:00 e de 18:00 a 19:00 horas”.

Tamén anuncia que “a continuidade desta actividade coincide ademais coa recente actuación de acondicionamento e mellora da pista municipal de pádel, na que o Concello realizou unha intervención cun investimento total de 11.936,37 euros, incluídos os honorarios, financiada a través do Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo. Entre as melloras realizadas destaca a instalación de redes de protección nos laterais da pista, unha actuación especialmente demandada polas persoas usuarias, que permite mellorar a comodidade e as condicións de uso da instalación”.

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, sinala: “queremos seguir mantendo unha oferta deportiva variada e accesible, ao tempo que consolidamos actividades como pilates e pádel, que tiveron unha boa resposta. No caso do pádel, facémolo ademais cunha instalación mellorada, atendendo ás demandas que nos trasladaban as propias persoas usuarias”.

As inscricións poderán formalizarse do 15 ao 22 de setembro, a través da sede electrónica do Concello de Alfoz ou presencialmente na oficina de rexistro municipal.