
O Concello de Trabada organiza unha nova viaxe que nesta ocasión terá como destino Portugal. A actividade desenvolverase os días 6, 7 e 8 de novembro e permitirá ás persoas participantes coñecer Oporto, Aveiro e o Bom Jesus do Monte.
Esta iniciativa, que “conta cunha moi boa acollida desde a primeira viaxe organizada polo Concello, busca ofrecer á veciñanza novas oportunidades para descubrir outros lugares, compartir experiencias e desfrutar de actividades de convivencia fóra do municipio”, explica o Concello.
O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destaca que “este programa está a ter unha resposta moi positiva desde que organizamos a primeira viaxe. Para nós é importante ofrecer actividades que permitan á veciñanza coñecer novos destinos, pero tamén compartir tempo, relacionarse e desfrutar de experiencias en compañía”.
O rexedor pon especial atención nas persoas maiores: “Moitos dos nosos veciños e veciñas, polas circunstancias do traballo ou da súa vida, non tiveron no seu momento a oportunidade de visitar determinados lugares. Con estas viaxes queremos facilitar que agora poidan facelo, ao tempo que favorecemos a convivencia e creamos novos espazos de encontro entre a veciñanza".
A viaxe terá lugar do 6 ao 8 de novembro, con saída o venres día 6 ás 7:00 horas desde a Praza do Concello de Trabada.
O Concello de Trabada indica tamén que o prezo será de 280 euros por persoa e inclúe o seguro de viaxe e o transporte en autobús, dúas noites en habitación dobre nun hotel de catro estrelas, as entradas ás actividades e a manutención prevista no programa. En concreto, inclúense os almorzos tipo bufet do sábado e domingo, a comida e a cea tipo bufet do venres e sábado, así como a comida do domingo.
O prazo de inscrición abrirá este martes, 22 de setembro, ás 9:00 horas. As persoas interesadas deberán formalizar a inscrición e realizar o pagamento presencialmente nas oficinas municipais, ata o 15 de outubro.
As prazas son limitadas e están destinadas inicialmente ás persoas empadroadas no Concello de Trabada. No caso de quedar prazas libres unha vez rematado o prazo de inscrición, poderán participar tamén persoas con familiares empadroados no municipio.
O Concello dá así continuidade a un programa que “combina turismo, convivencia e participación social, achegando novas experiencias á veciñanza e, especialmente, ás persoas maiores”.


