
Barreiros acolleu a presentación “dunha das probas estrela do outono deportivo na comarca”, o Trail Monte Comado, que este ano cumpre dez edicións. Ao acto de presentación acudiron a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; o concelleiro de Deportes e deputado provincial, Dani García; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero; e membros da entidade organizadora, a Asociación Cultural e Deportiva Praias de Comado.
O Concello de Barreiros destaca que “alcanzar unha década de vida converte nunha edición moi especial a esta proba”, un fito que puxo en relevo a alcaldesa, Ana Ermida, quen destacou “o traballo constante das asociacións no esforzo por dinamizar Barreiros, desestacionalizar o turismo e promover o deporte. Chegar a dez edicións dunha carreira de montaña demostra a solidez dun proxecto que xa é todo un orgullo para o noso concello”. Pola súa banda, o concelleiro Dani García subliñou a importancia da colaboración entre colectivos e administracións “para facer de Barreiros un auténtico referente comarcal no atletismo e nas carreiras populares a través do circuíto +KmsBarreiros”.
A cita celebrarase o sábado 10 de outubro, con saída e meta situadas a carón da igrexa e da pista de pádel en San Miguel de Reinante, dende onde as persoas participantes tomarán a saída ás 10:00 horas. O trazado constará dun único percorrido de aproximadamente 17 quilómetros e 1.000 metros de desnivel positivo, transcorrendo por sendeiros e camiños forestais que inclúen a subida do 1/2km Vertical “ofrecendo así un reto deportivo único combinado esforzo con vistas excepcionais”, salienta o Concello de Barreiros.
A organización lembra que a participación está limitada a 150 deportistas e que o prazo de inscrición finaliza o xoves 8 de outubro ás 23:59 horas.
Toda a información detallada, regulamento e inscricións pódense atopar web www.maiskmsbarreiros.gal.


