
Este venres, día 9 de outubro, ás 21 horas na Casa da Cultura de Burela estrearase a comedia da compañía teatral lucense Tarabela Creativa titulada O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger.
En coprodución co Concello de Burela, a obra, escrita por Carmen Conde, quen tamén estará no elenco xunto a Xosé Manuel Esperante e Fran Lareu, conta coa dirección de Avelino González.
Tarabela Creativa explica que “a trama xira arredor da figura do pai da autora, especialista en pegadas dactilares da Xudicial dende os anos oitenta, destinado en Burela durante máis dunha década. Máis tamén fala de toda unha investigación dunha serie de delitos que poñen enriba da mesa unha cuestión: calquera persoa, chegado o momento, pode ser delincuente. A compañía cumprirá tres semanas de ensaios en Burela ata a estrea, contando ademais co patrocinio do hotel Nordés e do Rompeolas. Así mesmo, colaborou con Tarabela Creativa o concello de Agolada durante outras tres semanas de residencia antes de chegar a Burela. Este venres veremos unha obra con ritmo intrépido e moitos personaxes baseada en feitos reais”.
As entradas poden mercarse na taquilla do propio auditorio da Casa da Cultura dende unha hora antes ao comezo da función.


