
A campaña Viveiro conta e o seu comercio tamén puxo o seu broche de ouro cunha gran xornada de celebración na que o comercio local, a hostalaría e a participación cidadá volveron ser os grandes protagonistas, explica o Centro Comercial Histórico de Viveiro, que engade “o éxito de afluencia foi a nota máis destacada dunha xornada na que o vermuteo, a Ruleta de Premios e as actividades infantís congregaron numerosos veciños e visitantes. A Praza Maior converteuse pola tarde no epicentro da celebración, cunha praza abarrotada de público que agardaba con ilusión o momento máis esperado: o sorteo dunha viaxe a Nova York e de 2.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados ao Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV). A gran gañadora da viaxe a Nova York foi Mónica Fernandez Chao, co número 08975. O sorteo repartiu tamén os 2.000 euros en vales de compra entre outras tres persoas premiadas: Pedro Vicente Canoura, gañador de 1.000 euros co número 19736; Conchi Seara Cerdeiras, que recibiu 500 euros co número 09638; e Conchi Ferreño Rodicio, premiada con outros 500 euros co número 029589. Fixeron entrega dos premios a presidenta do CCHV, Cristina Rodriguez; a directora provincial de Emprego e Comercio, Carmen López; e a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde. A expectación foi máxima durante o sorteo, que puxo o broche de ouro a varios días de intensa actividade comercial e promocional. A música e a animación contribuíron a crear un ambiente festivo nunha tarde na que a cidadanía respondeu masivamente á convocatoria do comercio local”.
O CCHV destaca ademais que “as actividades da mañá rexistraron tamén unha excelente acollida. Os Sábados de ermuteo» volveron demostrar o seu atractivo, combinando a degustación de produtos da Praza de Abastos co vermú Botafumeiro, elaborado en Viveiro por La Vivariense, e a participación dos establecementos hostaleiros asociados. A Ruleta de Premios foi outro dos grandes reclamos da xornada, cunha participación constante de clientes que puideron optar a numerosos agasallos directos. Unha iniciativa pensada para premiar a confianza no comercio de proximidade e agradecer o apoio da cidadanía aos negocios locais. Os máis pequenos tamén tiveron o seu espazo protagonista, con xogos alternativos, pintacaras, maxia e peque orientación, unha morea de actividades infantís que contribuíron a converter a xornada nunha auténtica festa para toda a familia”.


