A Deputación e a Federación de Comercio incentivan as compras de proximidade na provincia de Lugo co sorteo dun coche o 3 de decembro

A Deputación de Lugo anuncia que o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas López, presentaron O Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo, unha campaña que “ten como principal atractivo o sorteo dun vehículo híbrido”. O coche, que se deu a coñecer durante o acto de presentación, sortearase o día 3 de decembro.

A campaña desenvolverase ata o 30 de novembro, co obxectivo de “incentivar o consumo nunha época especialmente complicada para o comercio minorista, unha vez rematadas as campañas da volta ao cole e antes do inicio dos grandes gastos do Nadal. Para participar os consumidores deberán realizar unha compra por un importe igual ou superior a 10 euros nun establecemento de comercio de proximidade da provincia de Lugo e rexistrar o tícket na web habilitada www.sorteocomercio.es/coche”.

O sorteo do vehículo híbrido celebrarase, ante notario, o 3 de decembro no Pazo de San Marcos e posteriormente farase un acto de entrega do premio na Praza de San Marcos, de Lugo.

A Deputación tamén anuncia que “co obxectivo de dar a coñecer a campaña no conxunto da provincia e fomentar a participación da cidadanía, o vehículo que se sortea desprazarase a diferentes concellos lucenses nas próximas semanas. En concreto, estará en Burela o 29 de outubro, en Sarria o 5 de novembro, en Vilalba o 12 de novembro e en Monforte de Lemos o 26 de novembro”.

Durante o acto de presentación, ao que tamén asistiu o deputado provincial Miguel Fernández, Rivera Capón destacou “o carácter diferencial e innovador desta iniciativa, coa que se busca captar a atención dos consumidores. Levamos moito tempo falando das dificultades que supón emprender, abrir un negocio e garantir o relevo xeracional. Dende a Deputación de Lugo levamos moitos anos achegando o noso gran de area para apoiar o comercio e o emprendemento, e creo que hoxe damos un paso máis e culminamos ese traballo coa posta en marcha deste proxecto”, sinalou.

Pola súa banda, Seijas recordou:  “tanto a Deputación como a Federación estamos sempre traballando no constante reto de fortalecer o tecido local, potenciar a economía da provincia e incentivar a sensibilización e participación dos consumidores. O Gran Sorteo do Comercio de Lugo busca isto nun momento económico tan marcado polo imparable costo de vida e a súa repercusión na economía da familia”.