Gargallada Teatro representará “García, un cadáver informal” en Barreiros este sábado, 31 de outubro

Gargallada Teatro representará en Barreiros a obra titulada García, un cadáver informal. Será este sábado, día 31 de outubro, ás 20:00 horas no Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro, de San Cosme. O prezo da entrada é de 3 euros e estarán á venda desde media hora antes da función).

Esta representación está organizada polo Colectivo Cultural Ollomao, que anuncia: “chegamos á última proposta deste ciclo de teatro amador de Barreiros, organizado por Ollomao en colaboración con Fegatea. E despedímonos cunha nova compañía que vén cargada de humor e situacións disparatadas! A Asociación Cultural para a Promoción das Artes Escénicas Gargallada nace no Barco de Valdeorras en novembro de 2006. Un ano despois créase no seu seo Gargallada Teatro, o grupo de teatro afeccionado que se converte no eixo central das súas actividades culturais.

Este sábado tráennos García, un cadáver informal, unha comedia na que nada parece ter demasiado sentido e na que as situacións absurdas, os diálogos disparatados e as inesperadas reviravoltas da trama nos conducirán cara a un sorprendente final. Para desfrutar sen límite de idade”.