Regal Xunqueira, en Viveiro, exporá pinturas de S. Torres do 6 de novembro ao 31 de decembro

O complexo cultural Regal Xunqueira, no municipio de Viveiro, exporá a mostra de pinturas de S. Torres titulada Un mar de miradas desde este venres, 6 de novembro, ata o día 31 de decembro.

Regal Xunqueira anuncia que é “unha exposición para contemplar o mar dende diferentes perspectivas empregando estilos de artistas como Picasso, Miró, kandinsky, Bansky, ... Un mar de miradas nace da necesidade de observar o mundo mariño dende diferentes formas de expresión artística. O emprego da cor como protagonista e cunha interpretación fragmentada e dinámica do mundo mariño, onde as olas, peixes,... se transforman mediante xeometrías. Cada obra propón unha mirada distinta sobre o mar, os seus habitantes, as súas paisaxes e as súas infinitas posibilidades. Esta exposición é un percorrido por diferentes interpretacións do universo mariño. O mar non é soamente auga, horizonte e movemento. É memoria, emoción, liberdade, silencio e vida”.

A autora, S. Torres, explica: “dende moi pequena, o debuxo formou parte da miña vida. Escomenzou sendo un hobby que me acompañou dende moi pequena e que, pouco a pouco, foi espertando unha necesidade maior de experimentar coas formas, as cores e técnicas de diferentes artistas. Deseñei carteis de festas locais, logotipos para empresas, tatuaxes, pintado casas, paredes, máscaras de soldar, mobles,... gústame debuxar, pintar... decorar calquera tipo de superficie. Antes de pensar na pintura como una forma de expresión, a arte foi para min, sinxelamente, unha maneira de disfrutar, imaxinar e expresarme. A miña traxectoria no seu mundo e o das exposicións de pintura, aínda é pequena; a miña primeira exposición e a única ata hoxe, titulada Mama África, foi con apenas 20 anos e temática africana. Non me considero unha artista cunha longa experiencia expositiva senón unha persoa que atopou na arte unha forma de expresión que sempre estivo presente na súa vida, dende moi nena. Esta exposición representa precisamente iso: dar un paso adiante, compartir aquilo que durante moito tempo permaneceu no ámbito persoal e permitir que as miñas obras sexan contempladas por outras miradas. Un mar de miradas é, en certo modo, tamén unha mirada cara min mesma”.