O Concello de Trabada inicia este sábado, 7 de novembro, unha nova edición dos ciclos teatrais coa representación de "Dona Clara", de Ollomao

O Concello de Trabada inicia este sábado, 7 de novembro, unha nova edición dos ciclos teatrais, unha programación cultural que se desenvolverá ata o mes de xuño de 2027 e que ofrecerá unha representación teatral cada mes na Casa da Cultura. A primeira cita será coa obra Dona Clara, a cargo do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, que se representará este sábado ás 20:00 horas. Trátase dunha creación do grupo inspirada na obra A visita da vella dama, do dramaturgo Friedrich Dürrenmatt.

Unha das principais novidades desta edición é o cambio de horario das representacións, que pasarán a celebrarse ás 20:00 horas en lugar das 21:00 horas, como viña sendo habitual. Este adianto “busca facilitar a asistencia do público, especialmente durante os meses de inverno”, explica o Concello de Trabada, que engade: “os ciclos teatrais desenvolveranse de novembro de 2026 a xuño de 2027, cunha función mensual, habitualmente o primeiro sábado de cada mes. A programación permitirá achegar á veciñanza diferentes propostas escénicas ao longo dos próximos oito meses, mantendo unha oferta cultural continuada no municipio”.

A iniciativa está organizada polo Concello de Trabada en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no marco das actividades culturais que se desenvolven ao longo do ano.

Desde o Concello de Trabada destacan “a importancia de contar cunha programación estable que permita á veciñanza desfrutar de diferentes espectáculos sen necesidade de desprazarse fóra do municipio”. Ademais anima á veciñanza a asistir a esta primeira función e lembra especialmente “o novo horario das representacións, que comezarán ás oito da tarde durante esta edición dos ciclos teatrais”.