O “Shopping Weekend” do comercio de Viveiro regresa con descontos do 20% en miles de artigos os días 6 e 7 de novembro

Este venres 6 e sábado 7 de novembro Viveiro “volverá converterse nun gran escaparate comercial coa celebración dunha nova edición do Shopping Weekend, a coñecida como campaña do 20%”, organizada pola Asociación de Comerciantes do Centro Histórico de Viveiro (CCHV), que tamén anuncia: “un total de 39 establecementos comerciais sumaranse a esta iniciativa, ofrecendo descontos especiais do 20% nunha ampla selección de artigos e convertendo o centro histórico nun atractivo punto de encontro para as compras, tanto para os veciños como para os visitantes da comarca”.

O CCHV destaca que o Shopping Weekend “é unha das campañas estrela da asociación e destaca, ademais, pola súa orixinal fórmula de organización: prepárase con tan só 24 horas de antelación, mantendo o factor sorpresa tanto para os clientes como para os propios comerciantes, que coñecen a posta en marcha da iniciativa apenas un día antes da súa celebración. Unha fórmula diferente e innovadora que xa obtivo recoñecemento no ano 2024, cando o CCHV foi finalista nos Premios Comercio Galego na categoría de Dinamización Comercial por esta iniciativa. A chegada da tempada de frío converte esta campaña nunha excelente oportunidade para renovar o armario e adquirir produtos de outono-inverno a prezos moi vantaxosos. Moda, calzado, complementos, deportes, mercería e lencería, fogar, ópticas, xoierías, mobles e decoración, agasallos, telefonía, salóns de peiteado e moitos outros sectores comerciais estarán representados nesta edición. Para facilitar a identificación dos negocios participantes, os establecementos estarán perfectamente sinalizados coa imaxe corporativa da campaña: grandes bandeirolas de cor fucsia, de dous metros de altura, nas entradas dos comercios, e vinilos identificativos co 20% nos escaparates. Unha sinalización moi visual que permitirá aos clientes localizar facilmente os locais adheridos. Os descontos aplicados durante o Shopping Weekend serán exclusivos desta campaña e non serán acumulables a outras promocións ou ofertas especiais. Tampouco serán aplicables a encargos nin devolucións”.

Desde a asociación organizadora agardan “repetir o éxito das edicións anteriores, atraendo centos de compradores ao centro da cidade e contribuíndo tamén á dinamización da hostalaría, das terrazas e dos negocios da contorna. Porque unha campaña comercial deste tipo non só impulsa as vendas dos establecementos participantes, senón que tamén xera movemento, actividade e ambiente nas rúas de Viveiro”.

A Asociación de Comerciantes do Centro Histórico de Viveiro anima a toda a cidadanía e aos visitantes da comarca a achegarse este venres e sábado, “aproveitar os descontos preparados polos establecementos participantes e desfrutar dunha fin de semana de compras, gastronomía e lecer no corazón da cidade”.

Esta iniciativa enmárcase dentro das accións de dinamización comercial dos Centros Comerciais Abertos co apoio da Xunta de Galicia.