
Nas últimas horas foi presentada a V marcha BTT A.D. Augas Santas que é organizada pola asociación deportiva que lle da nome á proba e coa que colabora o Concello de Barreiros. Ao acto de presentación asistiron a alcaldesa, Ana Ermida, o concelleiro de Dinamización e deputado provincial, Dani García, o xefe provincial de deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero, así como membros da entidade organizadora.
A marcha é unha proba cicloturista non federada e non competitiva que discorre polo concello de Barreiros, pasando polos miradoiros de Penabor e Comado e polas inmediacións do Santo Estevo do Ermo. A maioría do percorrido transcorre por camiños e sendeiros que estarán sinalizados mediante cintas de balizamento, spray biodegradable e frechas de cor vermella.
Nesta edición ofrécense dúas opcións de percorrido: Unha ruta longa de 38 quilómetros e unha versión máis curta de 28 quilómetros. A saída e a chegada realizarase dende a pista de pádel de San Miguel de Reinante ás 9:30 horas. As inscricións están abertas ata o 12 de novembro a través de ccnorte.com, cun límite de 150 participantes.
A alcaldesa Ana Ermida destacou que “desde a súa primeira edición, en 2022, a marcha BTT Augas Santas foi consolidándose como unha das citas deportivas máis agardadas do outono en Barreiros demostrando a vitalidade do noso tecido asociativo e a capacidade de Barreiros para poñer en valor o territorio a través do deporte”.
Dende a organización salientan que “queren seguir fieis ao carácter inclusivo co que naceu esta proba que é o de gozar, non para competir. A marcha BTT ofrecerá un percorrido pola natureza de Barreiros a través de sendeiros que desembocarán e fermosas vistas que poderán gozar os bikers así como algunha baixada máis sinuosa”.
As persoas participantes contarán con avituallamento durante o percorrido, seguro de RC, asistencia sanitaria, duchas e detalle da organización. Ao finalizar, pinchos nos colexios vellos de San Miguel e sorteos de material de ciclismo.


