O Concello de Trabada ofrece unha formación gratuíta en reanimación básica o 27 de novembro

O Concello de Trabada abre o prazo de inscrición para participar nunha xornada gratuíta de formación en reanimación básica, que terá lugar o venres 27 de novembro ás 18:00 horas na Casa da Cultura.

A actividade enmárcase na iniciativa Contigo, A Mariña reanima, que “busca achegar á cidadanía coñecementos básicos para actuar ante unha emerxencia sanitaria e sensibilizar sobre a importancia dunha intervención rápida ante unha parada cardiorrespiratoria”, explica o Concello de Trabada, que engade: “a formación será impartida polo Grupo de Simulación In Situ do Hospital Público da Mariña e estará dirixida á poboación en xeral, coa intención de favorecer a participación de persoas de diferentes idades e colectivos do municipio. Durante a sesión abordaranse os pasos fundamentais da cadea de supervivencia, desde o recoñecemento dunha posible parada cardiorrespiratoria e a solicitude de axuda ata o inicio das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e a utilización dun desfibrilador externo semiautomático (DESA). O obxectivo é proporcionar coñecementos básicos que permitan identificar unha situación de emerxencia e saber como actuar mentres chegan os servizos sanitarios”.

A participación nesta actividade é completamente gratuíta, pero será necesario inscribirse previamente debido ao número limitado de prazas dispoñibles. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición nas oficinas municipais do Concello de Trabada ou chamando ao teléfono 982.135. 011.

Desde o Concello de Trabada destácase “a importancia de que participen persoas de diferentes franxas de idade, xa que unha emerxencia sanitaria pode producirse en calquera momento e lugar, tanto no ámbito familiar como nos espazos públicos. A reanimación cardiopulmonar e o coñecemento da cadea de supervivencia son ferramentas fundamentais para responder ante unha parada cardiorrespiratoria. Unha actuación temperá, xunto coa rápida activación dos servizos de emerxencia, pode resultar decisiva mentres chega a asistencia sanitaria especializada. Con esta xornada preténdese achegar á veciñanza unha formación útil para a vida cotiá, promovendo a adquisición de habilidades básicas que poden contribuír a salvar vidas”.

O Concello de Trabada anima á poboación a participar nesta actividade, “especialmente ás persoas interesadas en adquirir coñecementos prácticos para actuar con maior seguridade ante posibles situacións de emerxencia”.