Burela terá un espectáculo de drons por primeira vez no acendido do alumeado de Nadal o 4 de decembro

O Concello de Burela celebrará o venres 4 de decembro o acendido do alumeado de Nadal baixo o lema Burela dá luz ao Nadal, cunha tarde de actividades para toda a familia. Este ano o municipio “aposta por unha iluminación renovada, con deseños modernos e innovadores, e como gran novidade e acendido contará por primeira vez cun espectáculo de drons".

A programación comezará ás 17:00 horas na Praza do Concello con pintacaras infantil, o pasarrúas de The Magic Brothers Big Band e unha chocolatada a cargo das Chocolateiras. Ás 19:00 horas terá lugar o acendido do alumeado, acompañado do espectáculo de drons e a xornada rematará ás 20:00 horas na Praza da Mariña con COVAROCK, organizado pola asociación Cova do Can. O acendido contará ademais coa participación do grupo de maiores de Cruz Vermella, que prepara unha coreografía de Nadal e unha panxoliña para compartir con toda a veciñanza.

“O espectáculo de drons é unha proposta que combina luz, tecnoloxía e creatividade para ofrecer unha experiencia visual diferente e sorprendente”, explica a concelleira de Festas e Festexos, Patricia Eijo, que engade: “dende a Concellería de Festexos queremos seguir incorporando novidades e mellorando a programación cada ano, sen perder a esencia destas celebracións: a participación, a convivencia e a ilusión de compartir momentos especiais. Queremos que Burela brille polo seu Nadal, non só polas luces, senón tamén pola vida e o ambiente que estas celebracións crean nas nosas rúas. Por iso animamos a toda a veciñanza e a quen nos queira visitar a acompañarnos o vindeiro venres 4 de decembro e gozar dunha tarde chea de ilusión”.