En Foz celébrase a primeira edición do ciclo de teatro de primavera nas parroquias, que inclúe dúas representacións este domingo, día 10, en Cordido e San Acisclo.

En Foz celébrase a primeira edición do ciclo de teatro de primavera nas parroquias, que inclúe dúas representacións este domingo, día 10, en Cordido e San Acisclo.
 
O Concello de Foz organiza a primeira edición do Ciclo de Teatro de Primavera nas parroquias, que inclúe dúas representacións para este domingo, día 10 en Cordido e San Acisclo. E este sábado, día 9, haberá un musical para o público infantil na Sala Bahía.
O concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo Soto, explicou que “o pasado xoves, día 30 de abril, deu comezo o primeiro Ciclo de Teatro de Primavera nas parroquias, que empezou na antiga escola de Marzán onde actuou a compañía A Adala, de Fazouro. Terá continuidade durante todo este mes de maio no resto das parroquias do concello. Este domingo, día 10, haberá dúas representacións: unha en Cordido, no centro cívico a partir das 18.30 horas coa compañía Pico do Castro; e en San Acisclo á mesma hora, nunha carpa instalada na igrexa, con Axóuxeres, de Vilaronte”.
Ánxel Paleo engadiu que “o venres día 15 tocaralle a Santa Cilla, no centro social coa compañía Pico do Castro; e ao día seguinte, sábado 16, O Batán, de Cangas, estará en Fazouro, na antiga escola, a partir das 8 da tarde. Para continuar o venres día 29 a partir das 8 e media da tarde no centro social A Saira, da parroquia de Nois, actuará O Batán, de Cangas. E para rematar o mes de maio o sábado 30 haberá teatro en dúas parroquias máis: en Vilaronte, no teleclube a partir das 8 e media da tarde estará O Batán, de Cangas; e ás 9 da noite en San Martiño, no centro social, gozarán coa actuación de A Adala, de Fazouro. A representación na parroquia de Cangas queda pendente para xuño e falta por confirmar a data, xa que están a tope de actividades neste mes de maio e xa quedaron en avisarnos para poñer a data no mes de xuño”.
O edil de Cultura destacou que “este primeiro Ciclo de Teatro de Primavera é a continuación do teatro de outono, iniciativa que comezou hai dous anos e ampliámolo polo éxito que tivo e as peticións dos nosos veciños e das asociacións das parroquias. E, como non, grazas aos grupos de teatro afeccionado mostraron o seu interese por achegar a todos estes veciños o seus traballos de forma altruísta. Para todos eles só teño mostras de agradecemento”.