Máis de 3.000 persoas participarán na IV Feira do Mel da Montaña de Muras, coa que colabora a Deputación. Será os días 17 e 18 de novembro.

O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, o Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde presentaron este martes a IV Feira do Mel de Montaña de Muras, que terá lugar os días 17 e 18 de novembro na praza de Viveiró, e coa que o Goberno da Deputación colabora cunha achega de 3.000 euros. Ao acto participaron o Alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e o Tenente de Alcalde, Mario Rouco. 

Santos Ramos destacou que “o Goberno da Deputación colabora activamente con estes eventos gastronómicos para promover e poñer en valor os produtos da provincia, ao tempo que contribuímos a dinamizar a economía local, xa que se conta cunha afluencia de máis de 3.000 persoas, o que da boa mostra da importancia desta cita para o Concello”. 

Vidal Baamonde apuntou que “a través desta cita, ademais de impulsar un dos produtos máis tradicionais da provincia, como é o mel, axudamos a promover a zona e desestacionalizar o turismo, nun enclave natural único como é o Concello de Muras”.     

Pola súa parte, Manuel Requeijo agradeceu a colaboración da Deputación para a celebración desta feira e convidou a todos os visitantes a achegarse os días 17 e 18 de novembro ata Muras, “ara que coñezan o noso rico patrimonio arqueolóxico, paisaxístico, natural e por suposto, que poidan desfrutar do produto estrela desta cita, o mel, que xa é un referente en toda a Comarca”.

IV Feira do Mel
Esta cuarta edición contará cun total de 15 expositores, que ademais de mel, porán á venda produtos autóctonos e de tempada, como queixos, castañas, empanadas ou licores. en Muras existe preto dunha trintena de explotacións apícolas con 1.000 colmeas, constituíndo un importante complemento para a gandería da zona. Anualmente, prodúcense entre 700 e 2.000 litros de mel, dependendo das condicións climatolóxicas desa tempada, o que supón un importante complemento económico para as familias.