
Mañá, 9 de maio, terá lugar unha nova edición dos Cantos de Taberna, que organiza o Concello de Ribadeo.
Son 18 os locais hostaleiros que acollerán as actuacións dos 12 grupos participantes entre as 20:30 e as 22:15 horas.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, subliñou que “con esta xa tradicional cita queremos lembrar e homenaxear a aquelas xuntanzas festivas dos anos 50 ou 60 nas que unha tasca, unha xarra de viño e un grupo de amigos eran máis que suficientes para poñer en marcha un improvisado concerto de cantigas populares. Probablemente moitas das pezas populares que hoxe en día se conservan xurdiron desa espontaneidade daqueles anos”.
Para Saiz “esta actividade converteuse nunha cita ineludible para os amantes da música e atrae a numerosos grupos de distintos puntos de Galicia e Asturias, creando un ambiente festivo nos diferentes locais de hostalería participantes”.
A edil ribadense engadiu: “agardámosvos mañá en Ribadeo para participar e gozar desta xornada tan popular e tan festiva como son os Cantos de Taberna”.


