
Acisa estará presente en FITUR 2026 coa súa nova marca turística, Ribadeo, o teu próximo destino, unha campaña coa que a entidade quere reforzar a promoción do municipio como destino turístico de referencia.
Tal e como explicou a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, “chega unha nova edición da Feira Internacional de Turismo e, como non pode ser doutro xeito, Acisa estará presente durante tres días xunto o Concello de Ribadeo”. E subliñou que “Acisa leva asistindo a esta feira desde practicamente a súa fundación hai 37 anos, xa que somos a entidade que representa ao sector turístico do municipio e súa promoción forma parte da nosa labor fundacional, así como dar visibilidade ao tecido comercial, hostaleiro e turístico de Ribadeo, establecer contactos profesionais, fortalecer relacións con outras entidades e coñecer de primeira man as novas tendencias do sector turístico a nivel nacional e internacional”.
Pola súa banda, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “para acudir a esta nova edición de FITUR, Acisa Ribadeo presenta a súa nova campaña de promoción turística para o ano 2026, denominada Ribadeo, tu próximo destino. Porque cuando lo descubres, entiendes que no es solo un viaje: es una elección”. Pérez indicou tamén que “o noso labor nesta nova edición de FITUR será promocionar Ribadeo como un destino de gastronomía, comercio, natureza, historia e experiencias para lembrar. No mundo hai moitos destinos, pero hai lugares que se lembran e outros que se senten. Ribadeo é horizonte aberto, é mar que fala, é unha vila con alma. É pasear sen présa, saborear o auténtico, respirar natureza e deixar que o norte te sorprenda. Por iso, Ribadeo é o teu próximo destino”.
Así mesmo, o xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos destacou que “nestas xornadas de traballo nas que manteremos diversos encontros profesionais, faremos especial fincapé en promocionar Ribadeo como un destino de experiencias reais, gastronomía de calidade, comercio local, cultura e tradición, así como un destino de natureza que impresiona, con cantís, sendeiros, praias únicas e unha ría singular. Sobre todo, queremos poñer en valor Ribadeo como un destino con identidade propia, porta de entrada a Galicia, cun carácter diferenciado e unha acollida sincera. Ribadeo é unha terra de acollemento, tanto para os que veñen de preto como para os que chegan de máis lonxe, onde todo o mundo pode gozar dunha ampla variedade de oportunidades de compra, ocio e gastronomía, cun trato próximo, personalizado e profesional”. E engadiu: “como xerente de Acisa manterei diversos encontros de traballo, asistirei ás presentacións e actos institucionais e participarei en iniciativas conxuntas co Concello ribadense, co obxectivo de reforzar a imaxe de Ribadeo como destino turístico de calidade”.
A Fitur viaxarán o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez; o alcalde de Ribadeo, Dani Vega; e os concelleiros de Medio Ambiente e Turismo, Diego Dos Santos e Marta Saiz.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, remarcou que “a colaboración público-privada é clave para seguir posicionando Ribadeo como un referente turístico sostible, competitivo e con identidade propia, capaz de atraer visitantes durante todo o ano e xerar actividade económica e emprego no municipio. A desestacionalización vaise conseguindo pouco a pouco, rara é a fin de semana en tempada baixa na que en Ribadeo non atopes turistas paseando polas súas rúas, saboreando a súa gastronomía, gozando do seu comercio… Ribadeo é o teu próximo destino en calquera época do ano e si queres comprobalo de xeito tranquilo faino no outono, no inverno ou na primavera. Aquí poderás gozar dunha ampla oferta cultural, comercial e gastronómica e de infinidade de actividades organizadas por Acisa para dinamizar Ribadeo e as súas empresas”.


