
Desde hoxe ata o 10 de xuño ten lugar una nova edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, que organizan a Federación Galega de Comercio e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta coa colaboración de Abanca e das asociacións de comerciantes e dos CCA, como é o caso de Acisa Ribadeo.
Durante estas semanas, os clientes que realicen compras en establecementos participantes poderán rexistrar os seus tíckets en www.diasazuis.com/www.diasazuis.com/comercios, duplicando a súa participación se o comercio realiza o rexistro pola súa conta. Entre todos os participantes sortearanse 20.000 euros en premios, distribuídos en 44 tarxetas prepago de 250 euros cada unha (11 por provincia) e 60 tarxetas de 150 euros cada unha (15 por provincia).
Como principal novidade, no acto de entrega de premios, que terá lugar o 26 de xuño ás 19.00 horas na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, realizarase un sorteo en directo dun gran premio final de 3.000 euros, que o gañador poderá gastar nunha única xornada de compras na localidade da súa elección.
Con esta campaña o comercio reforza o seu compromiso coa economía local, fomentando a fidelización dos clientes e dinamizando as compras nos negocios de proximidade.
Bono Comercio
Tamén está aberto o prazo de adhesión ao Bono Comercio, da Xunta de Galicia, para que os comercios poidan inscribirse. Os negocios asociados a Acisa Ribadeo contan con información detallada e con asesoramento sobre o funcionamento desta campaña.
Desde a directiva de Acisa animan “a aproveitar todas as campañas en marcha, tanto as propias de Acisa, como estas que nos chegan desde a Federación Galega de Comercio ou desde a Xunta e coas que colaboramos desde Ribadeo”.