
Acisa Ribadeo e a empresa Gestión Gratelu renovaron o seu convenio de colaboración.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado Iglesias, tivo palabras de agradecemento: “desde Acisa queremos agradecerlle a Pablo Posada e a Gestión Gratelu o seu apoio económico, xa que estarán presentes como entidade colaboradora en 2027 na Festa do Comercio, na Gala de Acisa e no sorteo do Ribadeo Indiano. A sinatura deste terceiro convenio con Gestión Gratelu é para nós moi importante. Seguiremos traballando, como vimos facendo ata o de agora, para conseguir que a empresa privada nos brinde a súa colaboración nos grandes eventos organizados pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo”.
Pablo Posada declarou que “a sinatura deste terceiro convenio con Acisa Ribadeo confirma o noso respaldo ao importante e dinámico traballo que este colectivo empresarial realiza ao longo de todo o ano co obxectivo de contribuír á dinamización económica da vila e dos seus negocios”.
Jesús Pérez, xerente de Acisa, lembrou que “as asociacións, como Acisa, nutrímonos das cotas das nosas asociadas e asociados e das subvencións que recibimos de administracións como a Deputación de Lugo, a través da súa Vicepresidencia, a Xunta de Galicia e o Concello de Ribadeo. Somos un colectivo moi activo e se queremos seguir organizando actividades importantes precisamos de máis recursos económicos. Por iso levamos xa un tempo chamando ás portas da iniciativa privada”.
Carmen Cruzado subliñou: “parécenos moi importante e positivo que as empresas se decidan a colaborar economicamente connosco. Iso queredicir que as actividades que organizamos desde Acisa resultan atractivas para o conxunto da cidadanía e do colectivo empresarial. Agardamos que máis firmas de Ribadeo se sumen á gran familia que é Acisa”.
No acto participaron Pablo Posada, administrador de Gestión Gratelu, e Carmen Cruzado, presidenta do colectivo empresarial ribadense. Tamén estivo presente o xerente de Acisa, Jesús Pérez.


