
Acisa Ribadeo editou unha publicación especial conmemorativa do Premio Nacional de Comercio Interior, recibido pola entidade o pasado mes de abril, e coincidindo coa celebración da súa XII Cea Gala Anual, que terá lugar o vindeiro domingo, 18 de outubro, no Parador de Turismo.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, explicou: “presentamos unha publicación moi especial para nós, na que levamos traballando moitos meses e que editamos con motivo da obtención do Premio Nacional de Comercio Interior, un recoñecemento que recibimos o pasado mes de abril e que supón un enorme orgullo para a nosa asociación. Trátase dunha publicación de 16 páxinas en cor, da que se repartirán 5.000 exemplares a través das nosas empresas asociadas, co obxectivo de que chegue ao maior número posible de persoas”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou que “con esta iniciativa perseguimos dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, queremos dar a coñecer á cidadanía en xeral o traballo que Acisa desenvolve ao longo de todo o ano, porque detrás das campañas, das actividades e dos eventos que todo o mundo coñece existe unha importante labor diaria de apoio, asesoramento, representación e defensa dos intereses do tecido empresarial. E, por outra banda, queremos chegar tamén ás máis de 800 empresas e profesionais que teñen a súa sede en Ribadeo, xa que moitos quizais descoñecen todo o que facemos e os servizos que ofrecemos. Gustaríanos que, ao coñecer mellor a nosa actividade, descubran que Acisa é unha entidade aberta, na que teñen cabida empresas de todos os sectores e tamaños, non so comercio e hostalería”. E engadiu: “durante este mes quixemos aproveitar este recoñecemento para poñer en valor o asociacionismo empresarial, demostrar todo o que se pode conseguir cando as empresas traballan unidas e animar a novos negocios a formar parte dun proxecto colectivo que leva 37 anos contribuíndo ao progreso de Ribadeo. E por iso tamén están a ser publicados diferentes especiais informativos nos medios de comunicación que poñen en valor todo isto”.
Pola súa banda, Cruzado Iglesias indicou que “esta publicación é o resultado de varios meses de traballo, de recompilación de información, documentación e material gráfico. Resumir 37 anos de historia dunha asociación como Acisa non foi unha tarefa sinxela, como tampouco o é recoller nun espazo limitado todas as actividades, campañas, proxectos, servizos e iniciativas que se desenvolveron, especialmente durante a última década, na que a entidade experimentou unha importante evolución e crecemento”.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense subliñou: “quixemos elaborar unha publicación que non fose simplemente un recordatorio do premio recibido, senón tamén unha ferramenta informativa e divulgativa que permita entender que é realmente Acisa Ribadeo, qué facemos, como traballamos e qué achegamos á sociedade. Trátase dun repaso e dun paseo polos anos de historia e das persoas que formaron parte da nosa asociación, porque Acisa é moito máis que a organización de campañas comerciais ou eventos. Detrás existe un traballo constante de xestión, captación de recursos, asesoramento, representación institucional, promoción económica, formación e posta en marcha de proxectos que benefician tanto ás empresas asociadas como ao conxunto da localidade. Acisa e Ribadeo, Ribadeo e Acisa van da man e perseguen a dinamización económica do seu tecido empresarial para continuar sendo unha vila puxante e atractiva para iniciar aquí proxectos profesionais e de vida”.
Jesús Pérez tamén aclara que “a publicación estaba xa preparada e pechada desde hai varias semanas polo que, como é lóxico, non recolle un acontecemento tan recente e importante para a nosa entidade como foi a nosa asistencia á recepción oficial ofrecida polas súas Maxestades os Reis no Palacio Real, de Madrid, con motivo da Festa Nacional do pasado 12 de outubro. Un feito histórico para a nosa asociación que se suma aos numerosos recoñecementos e fitos acadados nos últimos anos”.
Desde ACISA Ribadeo destacan que esta publicación forma parte das iniciativas especiais impulsadas pola entidade para conmemorar a obtención do Premio Nacional de Comercio Interior e os seus 37 anos de historia, coincidindo tamén coa celebración da XII Cea Gala Anual, na que se renderá homenaxe ao tecido empresarial ribadense. Neste sentido Carmen Cruzado lembrou que “este xoves, día 15, remata o prazo para que quen o desexe poida adquirir as entradas para a gala anual de Acisa Ribadeo. Debemos recordar que o prezo é de 50 euros por persoa. As entradas poden adquirise nas oficinas de Acisa na Rúa San Roque 57 e queremos recordar que a Gala está aberta a todo o publico, asociados, empresarios que non o sexan ou familiares e amigos dos galardoados”. E engadiu: “estamos a vivir un ano excepcional e estamos convencidos de que esta Gala é un bo momento para celebralo, por iso queremos animar a quen desexe compartilo con nós a que asistan antes de que se complete o aforo e non poidan facelo”.


