Acisa Ribadeo pon a disposición dos seus asociados e asociadas de hostalería 15.000 bolsas de comida para levar

Acisa Ribadeo pon a disposición dos seus asociados e asociadas novos materiais gratuítos para hostalería. Trátase de 15.000 bolsas de comida para levar.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “o investimento realizado nestas 15.000 bolsas de comida para levar é superior aos 6.000 euros, que podemos realizar con fondos propios e coa colaboración do Concello de Ribadeo con cargo ao convenio anual entre ambas institucións. Desde Acisa facemos un esforzo moi importante para dotar aos nosos asociados e asociadas deste material de xeito totalmente gratuíto, porque creemos e temos acreditada a súa gran utilidade e por iso priorizamos estas accións na nosa programación. Entendemos que estamos diante dunha grande vantaxe para que os novos negocios que deciden instalarse en Ribadeo valoren o feito de asociarse a Acisa”.

Cruzado Iglesias indicou que “estes materiais que, desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, entregamos aos negocios socios son un complemento aos seus propios. O que queremos facer con estas inversións é que as nosas asociadas e asociadas reduzan os seus gastos na medida destas posibilidades, e traballar na promoción dunha imaxe conxunta de Ribadeo”.

O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, explicou que “desde Acisa quixemos repetir este esforzo especial para poder axudarlle á hostalería pensando en dispoñer deste material durante todo o ano. Por este motivo poñemos á súa disposición estas bolsas, xa que son moi empregadas e demandadas por todo o sector. Ademais este ano estreamos un novo deseño e slogan que esperamos que lles guste tanto á veciñanza coma aos visitantes. Así Acisa segue a traballar en dotar aos negocios de materias, que buscan afondar na sostibilidade, con materias biodegradables e reciclables e en evitar os desperdicios alimenticios na hostalería”.

Pérez Prada engadiu que “estes materiais súmanse os 15.000 envases, tamén de comida para levar, presentados hai uns días, aos vasos do Ribadeo indiano do verán, aos vasos térmicos, aos mapas de Ribadeo, aos manteis individuais, etcétera.

Na presentación das bolsas de comida para levar participaron o alcalde ribadense, Dani Vega; a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado; e o xerente, Jesús Pérez.