Acisa está a repartir 20.000 bolsas entre as súas asociadas e asociados de comercio.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo reparte estes días 20.000 bolsas entre o comercio: “destinadas en parte á campaña de Nadal, pero tamén para o resto do ano. É un material que sempre se agradece moito”, explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez.
A presidenta do colectivo, Carmen Cruzado, dixo que “estas bolsas únense ás preto de 30.000 unidades de diversos materiais para a hostalaría, como son os envases e bolsas de comida para levar, bolsas para as botellas de viño ou os vasos térmicos”.
E subliñou: “agradecémoslle á Dirección Xeral de Comercio a súa axuda para contar con esta nova partida de 20.000 bolsas. Agardamos no futuro seguir mantendo esta colaboración e así poder dotar ás nosas asociadas e asociados do material que precisan nas súas tendas”.
Pérez Prada subliñou que “é un material, o do comercio e tamén o da hostalería, que reciben de xeito totalmente gratuíto. As bolsas levan un código QR con toda a información comercial e turística de Ribadeo e seguimos facendo promoción da marca de Acisa Ribadeo Porta do Camiño Norte”.
A presidenta de Acisa agradeceu “o apoio das administracións públicas á nosa asociación, que é benvido e que consideramos fundamental para levar adiante o noso traballo”.
Nas últimas horas o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o deputado autonómico Daniel Vega visitaron algunhas tendas nas que repartiron as bolsas para este sector.