
A Agrupación Cultural Francisco Lanza celebrou a súa asemblea anual de socias e socios para valorar a actividade desenvolvida no ano 2025 e deseñar as liñas básicas de actuación de cara ao ano 2026. E o colectivo anuncia: “para o ano 2026 temos en mente varios proxectos: ademais de manter as actividades clásicas, neste ano temos intención de lembrar, de forma coordinada con outras entidades sociais mariñás e de Ribadeo, a figura de Hernán Naval, pois neste ano 2026 haberá vinte e cinco anos que finou. Imos comezar unha serie de contactos para elaborar conxuntamente esa merecida homenaxe. Tamén temos intención de potenciar as conferencias de temas de actualidade (tanto dos novos estudos sobre a historia de Galiza que van sendo publicados, como da situación política internacional). Volveremos engalanar as fachadas ribadenses coas Palabras na varanda, nesta ocasión dedicadas á figura de Begoña Caamaño. Aínda que está pendente dunha concreción maior, probabelmente as Xornadas de Historia Local sexan dedicadas á figura de Hernán Naval ou, no seu caso, tería un papel relevante na temática das mesmas (tanto el persoalmente como o seu legado e a influencia en xeracións posteriores)”.
“Temos intención de recuperar a nosa preocupación polo medio ambiente realizando algunha actividade cara ao mes de xuño coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Por suposto, volveremos a promover a figura do Apalpador e faremos un almanaque para o ano 2027”, explica a Agrupación Cultural Francisco Lanza, que engade: “queremos desde aquí facer un chamamento a todas as persoas interesadas nas nosas actividades para animalas a participar nas mesmas e a facérense socias. A cota anual é de 14 euros, e sempre que facemos algunha actividade que implique pagar entrada facemos unha discriminación positiva cara aos socios e socias. Animamos a todos e todas a seguir a nosa actividade a través das redes sociais e da prensa da zona”.


