
Na vila ribadense vanse desenvolver actos esta fin de semana con motivo das Letras Galegas, organizados pola Agrupación Cultural Francisco Lanza (ACFL), e que contan coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. Varios deles están dedicados a homenaxear ao músico Hernán Naval con motivo do 25 aniversario do seu falecemento.
“Desde o venres imos poder visitar, na Escola de Música, a exposición dedicada a Hernán Naval. Vaise poder contemplar até o remate do curso na Escola de Música. Xa no sábado 16 ás 14 horas vai ser o xantar en homenaxe a Hernan Naval no Restaurante O Mariñeiro. Aínda quedan algunhas prazas libres. Se alguén quixera inscribirse a última hora pode dispoñer dalgunhas tarxetas de invitación no Bar Cantón. E pola tarde, ás 19:00 horas terá lugar o concerto homenaxe a Hernán Naval no auditorio que leva o seu nome. A entrada será gratuíta até completar aforo”, anuncia a Agrupación Cultural Francisco Lanza, que engade: “ademais, durante toda a fin de semana, desenvolveremos a campaña Un caravel, un libro nas librarías ribadenses. Pola compra dun libro en galego recibirase un caravel como agasallo (até completar existencias). Co caravel e o libro, unha cativa tarxeta en lembranza do día”.
A ACFL tamén anuncia que a presentación do libro dedicado ao rock bravú a cargo de Xurxo Souto “ten que ser adiada até novo aviso por indisposición do autor”.


