A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) continúa cos preparativos do X Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que se celebrará en Ribadeo do 24 ao 27 de agosto con importantes novidades. Acollerá unha exposición en homenaxe a José Barro, o creador das fábricas de Chavín. O obxectivo é que esa mostra sexa itinerante por toda A Mariña. Durante o Fórum, ademais de charlas e obradoiros, tamén haberá unha exposición de vehículos novos con distintas marcas do sector.
Formación
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, declarou que “neste momento estamos dando formación a profesores que se van presentar a oposicións da nosa especialidade. Son catro cursos online. Tamén está programado un curso de bancada, que se vai facer no IES As Mariñas, de Betanzos. Ademais hai previstos tres cursos, para finais de xuño, de soldadura, que aínda non está presentada a proposta, pero están aí xa”.
Novidades
Doural explicou que “estamos organizando o décimo Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos con importantes novidades este ano, que vai contar cunha ampliación da parte cultural, non só da tecnolóxica. Vai haber dúas exposicións, unha delas que intentaremos que sexa itinerante por toda A Mariña, que vai ser unha homenaxe a José Barro González, que foi o creador das fábricas de Chavín. Despois vai haber unha exposición, case con toda a seguridade, dunha pintora de Murcia que ven colaborando con nosoutros noutras iniciativas. Tamén vai haber unha exposición de vehículo novo con distintas marcas do sector. O Fórum irá tendo o mesmo esquema de traballo que outros anos con ponencias, talleres e algunha viaxe de tipo lúdico e cultural”.
Proxectos europeos
O presidente de Apaga sinalou que “estamos iniciando, outra vez, todas as accións europeas, con bastante lentitude polo tema do covid, pero xa están en marcha. Cremos que quizais no mes de setembro, máis que xuño, poderemos estar a pleno rendemento neste tema. Tamén está previsto, no mes de xuño, facer varios cursos de vehículos eléctricos. É un tema que imos potenciar bastante pola chegada, cada vez máis, de vehículos eléctricos, híbridos e enchufables. Especialmente tendo en conta os riscos, a nivel laboral, que supoñen todo este tipo de vehículos posto que manexan unhas tensións de 380 ou 400 voltios que poden matar a unha persoa perfectamente”.
Álvaro Doural dixo que “imos aproveitar un recurso que estamos terminando de elaborar, a través do proxecto europeo de vehículos eléctricos que levamos case dous anos traballando nel, entón todas esas unidades, que están en español e inglés, imos aproveitalas. Posiblemente imos empezar polo módulo de seguridade”.
Remates
O presidente de Apaga engadiu que “este venres remataremos o curso de interpretación de planos que se estivo impartindo en colaboración coa empresa Astilleros Gondán. A verdade é que foi un éxito de participación. Algunha xente dese curso xa está traballando nesta empresa e outros están facendo o período de formación de soldadura. Creo que cumprimos co obxectivo que se pretendía, que é que houbera empregabilidade e iso nos satisfai bastante porque a nosa formación ten un obxectivo moi claro que é que xere formación nas capacidades necesarias e unha empregabilidade. Tamén rematou xa o curso de redes sociais e de posicionamento online no que participaron dez empresarios da zona. Creo que na situación que se deu hai algunhas cousas que aínda quedan pendentes, que se van facer a través da plataforma de formación de Apaga, pero foi unha experiencia moi interesante. Aínda que non é o noso campo de acción, consideramos que cada vez máis deberemos abrirnos a outras temáticas”.