A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro, Prato-Do e Cines Viveiro fomentan a cultura cinematográfica con descontos en maio

A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro (CCHV), o colectivo Prato-Do e Cines Viveiro fomentan a cultura cinematográfica con descontos en maio, concretamente para as sesións dos días 8, 9, 10, 15, 16 e 17.   

A asociación empresarial anuncia: “retomamos a colaboración que xa viña sendo habitual con Cines Viveiro e Prato-Do, esta vez coa nova dirección que reabriu Cines Viveiro, tras o éxito das colaboracións anteriores. Cada edición que poñemos en marcha convértese nun éxito de participación por parte do público, ten moi boa acollida tanto entre os nenos, como cós pais e os coles. O obxectivo segue a ser o de poñer en valor o cine e achegar a cultura cinematográfica ós mais novos, pero sempre desfrutando dende unha butaca de sala de cine e nunha gran pantalla. Hoxe en día temos acceso a miles de pelis a través dun sinfín de plataformas, pero non é o mesmo... a maxia ou a experiencia do cine é algo que non se pode desfrutar dende o sofá da casa. Que os rapaces socialicen, que interactuen con algo máis que non sexan pantallas de móbil, que queden para ir en pandilla ó cine, …. Por este motivo o CCHV, a Asociación Prato-Do e Cines Viveiro continúan a sumar forzas para acadar a visibilidade que merece o esforzo que conleva ter películas de primeira, estreas ó mesmo tempo que no resto do territorio nacional, nun cine local, o único cine en máis de 60 quilómetros á redonda. Polo que animamos, non só agora, senón tamén no resto do ano a incluír nos nosos plans pasar unha tarde de cine”.

Ademais o CCHV explica que nesta promoción “serán vales desconto de 2 euros para as entradas en taquilla e 1 euros nas compradas online, xa que habitualmente xa teñen outro euro de desconto ó mercalas por este sistema.  Poderase escoller entre 6 películas de animación e aventuras e ver unha delas: Super Mario Galaxy, Polloliebre y el Secreto de la Marmota, La Familia Benetón 2, Abuela Tremenda, Evolution ou Hoppers.  Como novidade nesta edición ampliamos a promoción tamén ós venres e aos cursos 1º e 2º da ESO dos institutos de Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Ortigueira. Así poñemos en marcha a promoción ambas fins de semana para a Mariña Occidental e haberá vales tanto para o 8, 9 e 10 como para o 15, 16 e 17 de Maio. Na primeira fin de semana poderanse beneficiar os nenos dos colexios de Viveiro e na seguinte fin de semana serán os nenos dos colexios da Mariña Occidental. Para a primeira fin de semana os vales serán entregados nos colexios de Viveiro,  CEIP de Celeiro, CPR Plurilingüe Landro, EEI San Roque, CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo, CEIP Plurilingüe de Covas, CEP Lois Tobío, e como novidade, incluímos tamén o IES María Sarmiento e o IES Vilar Ponte. Na segunda fin de semana entregarémolos nos colexios CEIP Os Castros e Vista Alegre de Burela, CEIP Península da Paz e CEIP de Cervo, CEIP do Vicedo, CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove e incluimos tamén o IES Illa de Sarón de Xove, IES Marqués de Sargadelos de Cervo, IES Perdouro e IES Monte Castelo de Burela, e o IES de Ortigueira, chegando así a outros colexios e institutos da comarca e tamén do Ortegal”.

O colectivo empresarial de Viveiro engade que “é importante recalcar que é necesario entregar o vale físico en taquilla para que se poida aplicar a promoción. Se acude un núcleo familiar e os rapaces entregan os vales, tamén se lles aplicará o desconto ó resto de membros desa unidade familiar. Así pois o desconto será directo ó presentar o vale en taquilla, pero tamén se pode canxear previamente ó comprar a entrada online en www.cinesviveiro.com coas indicacións que figuran no propio vale, este sistema é moi rápido e sinxelo e garante que xa tes o teu sitio reservado ó chegar, aínda que no momento de entrar non exime de entregar igualmente o vale na entrada. O aforo é limitado e por iso se recomenda o sistema de sacar a entrada online. Igualmente, o cine abrirá as súas portas 30 minutos antes do inicio da sesión para que a xente poida ir con tempo e así intentar evitar as esperas”.