A asociación Guillem Veiga Iglesias prepara unha nova edición do “DiversiPrix” para o 29 de xuño en San Miguel de Reinante

San Miguel de Reinante, en Barreiros, acollerá o vindeiro 29 de xuño a xornada lúdica e deportiva DiversiPrix, organizada pola asociación Guillem Veiga Iglesias coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Barreiros.

Baixo o lema Como enredarnos como iguais, a asociación programa unha xornada lúdica con diferentes actividades (probas de puntería, obstáculos, un futbolín humano, xogos coperativos, de habilidade e lóxica ou xogos de mesa xigantes) pensadas para a participación de rapazas e rapaces con diferentes capacidades, creando equipos diversos que favorezan a convivencia.

Os grupos, formados por persoas con e sen diversidade funcional, realizarán un percorrido de cinco probas, distribuíndo as tarefas e colaborando para desenvolvelas de forma colectiva.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; o deputado de Mocidade, Daniel García; e Carmen Iglesias e Nicolás Veiga -impulsores da asociación- presentaron esta proposta de ocio inclusivo, que se desenvolverá no campo da festa de San Miguel de Reinante e que contará cunha trintena de persoas voluntarias para acompañar as persoas participantes, ademais de materiais adaptados con sinalética en braille ou pictogramas.

Ana Ermida e  Daniel García convidaron a participar nesta actividade, que “ofrece unha oportunidade de ocio accesible e compartido” e “traslada a toda a sociedade a necesidade de seguirmos avanzando na inclusión en todos os ámbitos”

A asociación Guillem Veiga Iglesias, creada en homenaxe a Guillem Veiga Iglesias, ofrece servizos de asesoramento e apoio para facilitar a detección precoz de dificultades relacionadas co desenvolvemento e organiza actividades de formación, sensiblización e ocio dirixidas a mellorar a calidade de vida e o benestar emocional das nenas e nenos e das súas familias. 

A entidade, sen ánimo de lucro, comezou a desenvolver a súa actividade en 2018, desde San Miguel de Reinante, onde teñen a sede, e dirixida fundamentalmente á comarca da Mariña.