A asociación Nordés organiza a segunda parte de "Petiscos do Camiño dos Arrieiros". Será o 1 de agosto.

A asociación Nordés organiza a segunda parte da  xornada Petiscos do Camiño dos Arrieiros que se celebrará este sábado, 1 de agosto.

O obxectivo desta actividade é dar a coñecer algúns dos puntos de interese desta ruta ancestral que comunicaba o porto de Bares con As Pontes e que servía de eixo relacional e comercial ata que se abriron novos camiños e estradas, e os medios de transporte foron evolucionando, levando a esta verea ata case a súa desaparición.

A saída será ás 9:20 horas dende a Rectoral de San Mamede das Grañas do Sor. A actividade é de balde para as persoas asociadas a Nordés e terá un custe de 2 euros para o resto. A cantidade recadada, máis 5 euros aportados pola asociación, será doada ao Banco de Alimentos de Lugo. Os/as interesad@s poden inscribirse en asociacion.nordes@gmail.com ou no teléfono 653 756 454.

A asistencia está limitada a 25 persoas que terán que empregar os seus vehículos particulares para desprazarse. Ademais os asistentes deberán seguir as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da Covid-19 como o emprego de máscara e manter as distancias de seguridade interpersoal.

Durante a xornada visitarase a igrexa de Santa María de Mañón, o campo de mámoas da Coriscada, a necrópole de Penabranca e a Garita de Maeda, e rematará, ás 14:00 horas, no porto de Bares. Intervirán: Xosé María López Fernández, técnico en xestión cultural de Cultureume S.C.; Antonio Martínez Pernas, técnico superior en Xestión e Organización dos Recursos Naturais; e Pepe Riola, investigador etnográfico das Serras da Capelada e da Faladora.