Ata o 10 de maio celébrase en Burela a vixésima edición da feira monográfica náutico-pesqueira Expomar

O conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, inaugurou este mércores pola tarde unha nova edición da Feira monográfica náutico pesqueira Expomar, acompañado da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e de representantes de todas as entidades que forman o Padroado da Fundación Expomar.

Abriu o acto Pablo Rivera, responsable da área de promoción económica e social da Deputación de Lugo. A continuación, tomou a palabra o subdirector xeral de Caladoiro Nacional e Augas Comunitarias de Segepesca, Juan Manuel Elices, en representación da Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. 

A alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, puxo en valor a importancia deste evento non só para Burela, senón para todo o sector do mar, convidando a todos os asistentes a establecer boas relacións profesionais e persoais durante a feira, que se celebra nun escenario moi renovado e que convida ao networking entre os seus participantes. 

Pola súa banda, o conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, felicitou a toda a familia Expomar por este 20 aniversario, poñendo en valor o bo traballo realizado para esta nova edición, pero lembrando tamén a todas as persoas que traballaron desde os comezos de Expomar para crear esta cita de gran interese para o sector e que volve poñer en valor os produtos do mar.

Expomar 2025 abre as súas portas de mércores a sábado en horario de mañá (de 10:30 a 14:30) e tarde (de 16:30 A 20:30); e aspira a superar as cifras dos últimos anos, con máis de 5.000 metros cadrados de exposición e 400 marcas de diferentes países representadas na feira.

Ata o sábado pola tarde sucederanse diferentes actividades dirixidas tanto aos profesionais do sector como a todos os visitantes, como o Encontro Empresarial ou as Xornadas Técnicas, que se poderán seguir por internet desde a páxina de www.expomar.com, que xoves e venres reunirán aos profesionais e entidades máis representativas do sector pesqueiro a nivel nacional e europeo, co futuro do sector pesqueiro a debate, abordando os principais retos e dificultades do momento na pesca.

O sábado ao mediodía celebrarase un espectacular ronqueo de peixe espada patrocinado por INTERFISH-España coa asistencia dos expertos de Matrice Tuna, que realizarán a arte do despezamento cunha técnica que combina a destreza, o respecto polo produto e o compromiso coa sustentabilidade.

A continuación celebrarase unha degustación de receitas de peixe espada ofrecida pola OPP Porto de Burela, que é unha das entidades que forman Interfish, única interprofesional pesqueira que existe en España para a representación e defensa das especies do palangre de superficie.

O venres pola tarde celébrase na zona de presentacións a xornada informativa: “Axudas e apoio do IGAPE para empresas galegas”, a cargo de Isaac Rosón Sánchez, director da área de Innovación do IGAPE.

E o sábado pola tarde terá lugar a presentación da “Rede de Turismo Pesqueiro de España”, da que a Fundación Expomar é unha das entidades promotoras, demostrando así a decidida aposta de Burela pola promoción do turismo mariñeiro, que inclúe a promoción e divulgación sobre as actividades da pesca e os seus oficios, con roteiros e propostas socioculturais, visitas a lonxas, barrios mariñeiros, portos, faros ou museos.