Ata o 15 de abril está aberto o prazo de inscrición no Ribadeo Sabe, o renovado concurso gastronómico que organizan Concello e Acisa

Ata o 15 de abril está aberto o prazo de inscrición no Ribadeo Sabe, o renovado concurso gastronómico que organizan o Concello e Acisa. A cita terá lugar do 14 ao 17 de maio.

O Ribadeo Sabe chega con importantes novidades. O premio para o local gañador do xurado profesional será un curso no Basque Culinary Center e estancia en San Sebastián e diploma acreditativo. E o premio para o local gañador do xurado popular será unha visita máis cata en Bodega Regina Viarum, comida para dúas persoas no restaurante Vértigo (1 estrela Michelin) e diploma acreditativo.

O xurado profesional de renome do Ribadeo Sabe estará composto por Rafa Centeno, chef de Vértigo, de Sober (única estrela Michelin da provincia de Lugo); Juan Rubiños, presidente da Asociación de Cociñeiros Lugo e chef executivo de Il Farabutto, de Lugo; Alberto Veiga, sumiller de restaurante Nito, de Viveiro, e barista en Coffee Urban Roasters, tamén en Viveiro; e Daniel Gutiérrez, influencer gastronómico lucense @oidocomida

Este xurado, na fase previa, será o encargado de outorgar o premio á mellor tapa, que se anunciará antes do inicio dos degustación, para así aportar unha maior visibilidade ao negocio gañador.

Haberá premios para o público que participe nas votacións do Ribadeo Sabe. Serán tres categorías dotadas con 200, 150 e 100 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo e visita guiada cada unha a Bodegas Docampo, en Ribadavia, con aloxamento dunha noite no seu Hotel Pazo Carballo.

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, agradeceu “o traballo realizado pola nosa ADL e pola Asociación de Cociñeiros Lugo” e animou “a ribadenses e visitantes a gozar do Ribadeo Sabe do 14 ao 17 de maio”. O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliñou que “a inscrición está aberta desde hoxe ata o vindeiro 15 de abril. Animamos a toda a hostalería de Ribadeo a participar neste renovado tapeo”.

Na presentación de Ribadeo Sabe, que tivo lugar na Praza de Pancho Maseda, participaron o alcalde, Dani Vega, a concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez.

As bases do Ribadeo Sabe poden consultarse nas webs do Concello e de Acisa.