A Aula CeMIT de Barreiros acollerá o exame ComDix de nivel iniciación o 25 de febreiro

A aula CeMIT de Barreiros será unha das sedes nas que se celebrará o exame para a obtención da certificación galega en competencias dixitais ComDix, no seu nivel iniciación. A convocatoria oficial das probas foi publicada este pasado venres, 16 de xaneiro, no Diario Oficial de Galicia (DOG). O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o luns 19 ata o mércores 28 de xaneiro. No caso de Barreiros o exame terá lugar o mércores 25 de febreiro ás 10:00 horas na aula CeMIT, situada no Teleclub de San Cosme.

A certificación ComDix é a certificación galega en competencias dixitais promovida pola Administración galega e baseada no Marco Europeo de Competencias Dixitais (DigComp) que acredita as habilidades dunha persoa no uso das tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como profesional. Toda a información relativa á convocatoria, requisitos e proceso de inscrición poderase consultar na web da Rede CeMIT cemit.xunta.gal.

Desde o Concello de Barreiros destacan “a importancia de que o municipio volva ser sede dunha proba oficial deste tipo achegando así oportunidades de formación á veciñanza sen necesidade de desprazamentos a outros concellos”.