A Aula CeMIT de Ribadeo acollerá os días 14, 17 e 24 de novembro actividades formativas sobre seguridade dixital, prevención de estafas en internet e operacións dixitais cos bancos.

A Aula CeMIT de Ribadeo acollerá neste mes de novembro actividades formativas sobre seguridade dixital, prevención de estafas en Internet e operacións dixitais cos bancos. 

O concelleiro de Novas Tecnoloxías, David Rivas Peña, explica: “no Concello de Ribadeo, como administración máis próxima ás persoas, somos conscientes do proceso de dixitalización que está a ter lugar na nosa sociedade e tamén dos temores e das reservas que poden suscitar levar a cabo certas operacións na Internet, sobre todo no que toca a comercio on line e a operacións bancarias. Por isto neste mes de novembro imos dedicar tres xornadas na Aula ceMIT, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors, para abordar estes temas: a primeira delas sobre seguridade dixital, o 14 de novembro; outra, sobre prevención de estafas on line, o día 17; e unha derradeira, sobre operacións dixitais con entidades bancarias, dende caixeiros automáticos, pasando por banca telefónica e tamén banca on line”.

David Rivas engade que “fundamentalmente o que se pretende é desestigmatizar unhas prácticas cada vez non só máis habituais senón en moitos casos necesarias e que as persoas poidamos abordalas cunhas certas garantías”.

O vindeiro luns, 14 de novembro, terá lugar o curso sobre seguridade dixital, no que se abordará “a preparación do entorno dixital nos nosos equipos para realizar operacións cas nosas entidades bancarias. Falarase sobre as pautas xerais de seguridade nos ordenadores que traballen con Windows e en dispositivos móbiles que se basean en Android”, explican desde a Aula ceMIT. Será de 10:30 a 11:30 horas.

O día 17, xoves, haberá una charla dirixida a persoas maiores sobre como protexerse das estafas en Internet. “Farase un repaso polos mecanismos de desinformación aos que nos vemos sometidos cada día dende a análise dun caso real. Repasaremos as estafas en Internet máis habituais e os principais mecanismos para previlas”. Será en horario de 10:00 a 11:30.

Para o 24 de novembro está programado un seminario sobre como operar dixitalmente cos bancos, no que “percorreremos os puntos clave de todos os canles electrónicos da banca, dende os caixeiros automáticos ata as apps, banca telefónica e os medios de pago on line”. Será de 12:00 a 13:00 horas.

Todas estas actividades son de balde. A reserva de prazas pode facerse enviando un correo electrónico a cemit.ribadeo@xunta.gal ou a través da web do ceMIT: https://aulacemit.ribadeo.org