A Aula Universitaria da UNED de Foz ofrece catro cursos en febreiro

A Aula Universitaria da UNED de Foz presenta a súa programación formativa para o mes de febreiro, cunha oferta de cursos dirixidos a opositores, estudantes e público en xeral, que combina formación xurídica, lingüística, ambiental e de benestar persoal.

“Entre as actividades programadas destaca o Curso para opositores: Nocións fundamentais sobre a Constitución Española de 1978 e a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, que será impartido pola docente Inés García Balseiro, avogada e formadora. O curso desenvolverase do 9 ao 12 de febreiro, cunha duración total de 30 horas. Tamén dará comezo o Curso de Inglés A2, impartido pola profesora e habitual colaboradora da Aula Universitaria da UNED de Foz, Leticia Veiga Lestegás, cunha duración de 30 horas online, desde o 9 de febreiro ata o 18 de maio, en horario de 19:30 a 20:30 horas. No ámbito ambiental, realizarase o Curso de Avaliación do Impacto Ambiental: Normativa, Metodoloxía e Casos Prácticos, impartido polo ambientólogo José Pérez Vázquez. Este curso desenvolverase en modalidade online, do 10 de febreiro ao 12 de marzo, cunha duración de 38 horas. Para pechar a programación de febreiro, impartirase o curso Corpo en Calma: Movemento para Equilibrar o teu Sistema Nervioso, a cargo da psicóloga Alba Burundarena. Será tamén en modalidade online, cunha duración de 10 horas, e terá lugar os días 23, 24, 25 e 26 de febreiro”, explica a Aula Universitaria da UNED en Foz.

A coordinadora da Aula Universitaria da UNED de Foz, Marta Muíña, salientou que “esta programación responde á vontade de ofrecer unha formación diversa e de calidade, adaptada ás necesidades actuais da poboación, tanto no ámbito profesional como persoal”.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, destacou “a importancia da colaboración entre o Concello de Foz e a UNED para achegar formación universitaria e especializada á veciñanza, contribuíndo ao desenvolvemento educativo e social do municipio”.

Recordan, ademais, que o segundo período de matrícula para os estudos universitarios na UNED 2025/2026 estará aberto desde o 2 de febreiro ata o 11 de marzo, podendo realizar calquera trámite a través da páxina web da UNED, presencialmente na aula de Foz en horario de 10 a 13 h,e de 15:30 a 20:30 h de luns a xoves e venres en quenda de mañá, nos teléfonos 982.133.699 ou 604.034.549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es .