
A Banda de Música O Landro, de Viveiro, repartirá este mércores, día 18 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas as entradas para o público xeral do concerto Os soños na gaiola. O reparto farase na Sala Multiúsos do Concello de Viveiro ata esgotalas. As entradas non se poderán recoller nin reservar no Teatro Pastor Díaz. Son de balde e cada persoa poderá retirar un máximo de dúas e deberá indicar para que función as quere; asignaranse segundo dispoñibilidade, explica o Concello de Viveiro.
Os soños na gaiola é o concerto de Santa Icía da Banda O Landro,“un proxecto colaborativo no que 145 escolares de sete colexios da Mariña cantan, xunto á Banda, poemas de Manuel María musicados por Antón Alcalde e Suso Vaamonde. Haberá dúas funcións o sábado 21 de novembro, ás 18:30 e ás 20:30, no Teatro Pastor Díaz.
Participan no coro o CEIP de Celeiro, o CEIP Plurilingüe Santa Rita, o CEIP Francisco López Estrada, o CEIP Península da Paz, o CEIP Plurilingüe de Covas, o CEP Lois Tobío e o CPR Plurilingüe Landro.
O concerto está organizado pola Banda de Música O Landro de Viveiro, co patrocinio de Xuventude (Xunta de Galicia) e a colaboración do Concello de Viveiro e da Fundación Manuel María.


