A Banda de Ribadeo ofrece o seu tradicional concerto de Nadal titulado “Aquí como en Viena” o 27 de decembro

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal titulado Aquí como en Viena o día 27 de decembro, sábado. Será ás 20:00 horas no auditorio municipal Hernán Naval, con entrada de balde ata completar o aforo.

O director da Banda ribadense, David Ballester Martínez, anuncia que “chegadas estas datas do Nadal unha cita ineludible é o concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo titulado Aquí como en Viena. Este ano será o sábado 27 de decembro ás oito da tarde no auditorio Hernán Naval e dividiremos o programa en dúas partes: a primeira con música típica do Nadal e máis festeira, por dicilo dalgunha maneira; e logo unha segunda parte na que, como ben di o título do concerto, Aquí como en Viena, interpretaremos polcas e valses típicos do concerto de Aninovo en Viena”.

David Ballester destaca que nesta actuación a Banda de Ribadeo estreará  sete obras, “co cal seguimos ampliando o noso repertorio para que a xente que nos ven ver disfrute o máximo posible”.