Barreiros acolle este sábado, 1 de novembro, as finais de Segunda Masculina e Primeira Feminina da Copa Deputación de Fútbol Sala

O pavillón municipal de Barreiros acollerá este sábado, día 1 de novembro, as finais de Segunda Masculina e Primeira Feminina da VI Copa Deputación de Fútbol Sala: Trabada-Meigallos (ás 17:00 horas) e Ribeira FS-Praias de Barreiros CD (ás 19:30 horas)

Os encontros, con entrada gratuíta, pecharán a competición promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que comezou o pasado mes de setembro e na que participaron 41 equipos femininos e masculinos.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; o deputado de Mocidade, Daniel García; e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, convidan a asistir aos encontros, con entrada de balde, como todos os que se xogaron no marco desta competición de ámbito provincial.

Trabada Futsal,  Meigallos B e Praias de Barreiros xogan por primeira vez unha final da Copa Deputación, que se presenta como un banco de probas para os equipos de cara ao inicio das ligas. O Ribeira FS, pola súa banda, xoga pola a súa terceira final consecutiva.

Efrén Castro e Daniel García subliñaron que “o fútbol sala ten un peso moi destacado no deporte lucense, cunha ampla representación incluso en categorías estatais, e un dos obxectivos da Copa é xerar oportunidades de competición e mellora deportiva para os clubs que están na base dese tecido deportivo”.

 A alcaldesa, Ana Ermida, valorou “a celebración das finais en Barreiros, especialmente a feminina, como unha oportunidade para visibilizar o traballo de promoción do fútbol sala feminino que vén facendo o Praias de Barreiros e a tradición de fútbol sala en Barreiros e na comarca da Mariña”.

A Vicepresidencia da Deputación financia a Copa, cunha achega de 22.830 euros  que se distribúe entre os equipos en función dos partidos disputados e das eliminatorias superadas,  polo que “supón tamén unha fonte de financiamento adicional para os clubs”.

Tamén destaca que “Lugo é a única provincia que conta cunha Copa propia, despois de que en 2019 a Vicepresidencia da Deputación apostase en poñer en marcha a competición, que ofrece ao fútbol sala un espazo de promoción similar ao do fútbol campo”.