
Barreiros acollerá desde o día 14 de abril ata o 8 de maio un curso de vendedor en estacións de servizo para persoas con discapacidade.
O Concello de Barreiros anuncia que “segue a dar pasos firmes para que a formación e as oportunidades laborais non sexan unha barreira para ninguén. Grazas ao traballo levado a cabo desde a área de Servizos Sociais nos últimos anos, o convenio de colaboración coa entidade Inserta Empleo (Fundación ONCE) comeza a dar os seus froitos máis tanxibles coa posta en marcha dun curso presencial de Vendedor/a de Estacións de Servizo”.
A concelleira de servizos sociais, Carmen Veiga, sinala que “esta iniciativa nace cun obxectivo claro: que as persoas con discapacidade do noso concello e da contorna poidan ampliar o seu perfil laboral e gañar novas habilidades sen ter que facer longos desprazamentos. Queremos que o talento se quede na casa e que a nosa veciñanza teña todas as ferramentas para atopar un emprego digno e de proximidade.”
“O curso, que se impartirá na Aula CeMIT de San Cosme, contará cun total de 90 horas lectivas. Para o Concello era fundamental que formarse non supuxese un esforzo económico engadido para as familias; por iso, a formación leva asociada unha axuda de asistencia de 11 euros por día. Deste xeito, búscase que as persoas participantes poidan centrarse no máis importante: aprender e abrirse portas no mercado laboral. Para poder participar nesta formación, o único requisito imprescindible é que as persoas interesadas estean inscritas na bolsa de emprego de Inserta Empleo”, engade o Concello de Barreiros.
Para resolver dúbidas así como para solicitar máis información, Inserta Empleo pon a disposición o contacto de Lourdes Expósito, que será a encargada de guiar e resolver calquera cuestión, no teléfono 634.746.485 ou no correo electrónico lexposito.inserta@fundaciononce.es.


