Burela acollerá o 22 de novembro a preestrea de ‘Fomos Ficando Sós’, o documental de Adrián Canoura sobre a memoria e a herdanza mariñeira

O día 22 de novembro, domingo, Burela será o escenario da preestrea de Fomos Ficando Sós, o novo documental do cineasta burelao Adrián Canoura, “unha obra que afonda na memoria mariñeira a través dunha historia familiar marcada polo mar, a ausencia e o vínculo entre dúas xeracións”, explica a Fundación Expomar, que engade: “a película parte das gravacións domésticas que Raúl Canoura, pai do director e mariñeiro, realizou en 1991 a bordo do Raúl Primero, o barco co que iniciaba unha nova etapa profesional. Máis de tres décadas despois, en 2023, Adrián embarca rumbo ao Gran Sol para percorrer de novo ese mesmo territorio e achegarse á vida do seu pai, reconstruíndo unha historia compartida a través das imaxes do pasado e da experiencia presente. Con materiais de arquivo, imaxes actuais e experimentación audiovisual, o filme constrúe un retrato íntimo e poético que transcende a historia persoal para conectar coa memoria das familias mariñeiras e coa identidade marítima galega. A película, de 82 minutos, está dirixida por Adrián Canoura e producida pola galega Zeitun Films, de Brais Romero e Felipe Lage Coro”.

A preestrea celebrarase ás 12:00 horas na Casa da Cultura, tras a cal terá lugar unha charla-coloquio, na que participarán o director, o protagonista e o produtor, moderados polo xornalista Anxo Rodríguez.

Con esta iniciativa a Fundación Expomar súmase á celebración do Día Mundial da Pesca, “reafirmando o seu compromiso coa difusión da cultura mariñeira e coa posta en valor do sector pesqueiro”. A actividade conta co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Burela.