
O Concello de Burela organiza este venres, día 8 de agosto, a súa primeira Festa Acuática, que se celebrará na praia do Portelo, na zona lateral situada xunto ao Cabaliño, sempre que as condicións do mar o permitan. En caso de que non sexa posible por motivos de seguridade, a actividade trasladarase á praia do Cabaliño.
O horario da festa será de 16:30 a 19:30 horas e “incluirá xogos acuáticos e inchables como Nemo, Pluto, o pulpo, a rampa Mundo Marino, un rulo e o Wipeout, ofrecendo unha tarde lúdica e refrescante para todas as persoas que se acheguen á praia. Para poder participar nas actividades será necesario saber nadar, levar flotador ou estar acompañado/a por unha persoa adulta responsable”, anuncia o Concello de Burela.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, valorou positivamente esta nova proposta de lecer veraniego e explicou: “queremos ofrecer actividades que poñan en valor as nosas praias e fomenten a participación cidadá nun entorno seguro e divertido. Esta será a primeira edición da Festa Acuática e esperamos que sexa todo un éxito”.