Burela conmemora o Día contra a Discriminación Racial cunha exposición e un encontro aberto á veciñanza neste mes de marzo

O Concello de Burela, a través da Área de Inmigración, organiza varias actividades arredor do 21 de marzo, Día Internacional contra a Discriminación Racial, co obxectivo de promover a reflexión sobre a diversidade e a convivencia intercultural no municipio. Dentro desta programación o venres 20 de marzo ás 18:00 horas inaugurarase na Casa da Cultura unha exposición composta por traballos presentados nas últimas edicións do concurso que se viña celebrando arredor desta conmemoración. “A mostra recolle creacións moi diversas realizadas por veciñas e veciños de Burela, con participación de persoas de distintas idades e procedencias”, anuncia o Concello de Burela, que engade: “entre as obras expostas atópanse pezas de autores e autoras que participaron de maneira habitual nestas iniciativas. Un dos exemplos é o da artista de orixe indonesia Shiva, cuxo traballo xa fora utilizado para o cartaz do pasado ano e que nesta edición tamén se recupera para a imaxe da programación”.

Segundo sinalou o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, “con esta exposición queremos tamén recoñecer todo o traballo que moitas persoas de Burela foron realizando ao longo destes anos, porque detrás de cada obra hai unha reflexión e unha mensaxe en favor da convivencia e do respecto”.

Como novidade nesta edición o Concello de Burela decidiu deixar atrás o formato competitivo do concurso para apostar por “unha iniciativa máis participativa centrada no intercambio de experiencias. Neste sentido o 27 de marzo ás 12:00 horas no salón de plenos do Concello celebrarase unha xuntanza aberta á participación de todas as persoas que desexen compartir un traballo relacionado coa diversidade e a loita contra a discriminación racial. As persoas participantes poderán presentar as súas creacións no formato que desexen, xa sexa físico ou dixital, e realizar unha breve explicación do significado da súa obra. Por motivos de organización, solicítase confirmar previamente a asistencia no Concello, no teléfono 982.586.000 ou no correo integracioninmigrantes@burela.org”.

Pillado explicou que “esta nova fórmula busca poñer o foco no diálogo e na reflexión colectiva. Cremos que a diversidade ten máis que ver con compartir experiencias e coñecementos que con competir por un premio”.

Ademais destas actividades puntuais, dende a Área de Inmigración do Concello de Burela lembran que “durante todo o ano desenvólvense accións de sensibilización no eido da multiculturalidade, especialmente nos centros educativos do municipio. Entre elas inclúense propostas como a OCA Inmigrante ou encontros con persoas referentes no ámbito das migracións”.

Segundo destacou Mario Pillado, “o traballo contra calquera tipo de discriminación é unha tarefa contínua e a educación e a sensibilización son ferramentas fundamentais para construír unha sociedade máis xusta e respectuosa”.