Burela ofrece cine ao aire libre con novas proxeccións para toda a familia en xullo e agosto

O Concello de Burela lanza unha nova edición do seu ciclo de cine ao aire libre, “unha proposta xa consolidada no verán burelés que levará ás principais prazas do municipio sesións gratuítas de cine para todos os públicos durante os meses de xullo e agosto”.

A programación comeza este xoves, día 4 de xullo, ás 22:30 horas na Praza do Concello coa comedia familiar El Hotel de los líos, e continuará o 18 de xullo na Praza da Mariña coa película de animación Migración: un viaje patas arriba, pensada especialmente para o público infantil.

En agosto o ciclo retómase o día 1 na Praza do Concello coa longametraxe galega +Cuñados, mentres que o 15 de agosto a cita será na Praza das Casas Baratas coa entrega de animación Chicken Run: Amencer dos Nuggets, apta para todos os públicos. O programa pecharase o 29 de agosto na Praza da Mariña coa comedia italiana Odio el verano.

Todas as sesións serán de balde e comezarán ás 22:30 horas, “ofrecendo unha alternativa cultural, familiar e segura para gozar das noites de verán ao aire libre”.

A concelleira de cultura, Lina Gómez, explica que “o cine na rúa é xa unha cita esperada do verán en Burela, que permite gozar do bo tempo, do encontro entre veciños e veciñas e do cinema para todos os públicos”. Ademais anima á veciñanza a participar activamente nesta proposta: “agardamos que a programación sexa do agrado de toda a xente e que as prazas volvan encherse de ilusión, risas e bo ambiente”.