A campaña de Nadal do Centro Comercial Histórico de Viveiro inclúe concursos e sorteos con 6.000 euros en premios

A campaña de Nadal do Centro Comercial Histórico de Viveiro comeza este luns, 1 de decembro, “cunha morea de actividades, concursos e sorteos. Serán 6.000 euros en premios, repartidos en 2.400 euros no calendario de advento e 3.600 euros no sorteo de 3 soldos de 1.200 euros, que este ano trae novidades.

O primeiro sorteo arranca este luns, 1 de decembro, e durará ata o día 24, co calendario de advento do comercio local, que repartirá un premio valorado en 100 euros cada día. Os clientes poderán participar subindo os tíckets de compra de calquera dos negocios asociados á APP VIVEIROCCH. Para o premio de cada día só serán válidos os tíckets dese día e o sorteo realizarase ó dia seguinte descubrindo o premio que corresponde, polo que cada día será unha sorpresa.

O Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro tamén anuncia: “o seguinte sorteo será o noso clásico de Nadal, o sorteo dos 3 soldos de 1.200 euros do CCHV, moi agardado ano tras ano polos clientes que xa nos están a preguntar estes días cando se empezan a repartir as rifas. Será a partir do día 26 cando se comecen a entregar coas compras realizadas nos comercios asociados e entregaranse ata o día do sorteo ou ata esgotar os 150.000 números. Lembramos que o premio consiste en 3 soldos de 1.200 euros cada un en vales de compra, repartidos ó longo dun ano, sendo 100 euros ó mes para cada un dos 3 agraciados. O sorteo realizarase o 4 de xaneiro ás 21:10 horas na Praza Maior de Viveiro e estará presentado polo gran Dani Ríos. Este sorteo vai xa pola 13ª edición e converteuse en todo un clásico e nunha cita ineludible do Nadal”.

“Este ano seguimos apostando por reforzar a decoración das entradas dos negocios asociados, que embelecen aínda máis as rúas de Viveiro. Nestes últimos anos repartíronse para cada negocio árbores de luces leds e guirnaldas navideñas de 2 metros de longo, ó que este ano sumamos alfombras vinílicas de cor vermella desexando feliz Nadal. Todo estará colocado nas entradas dos negocios a partir do 5 de decembro. A atmosfera navideña tamén será musical, posto que as rúas estarán ambientadas con panxoliñas, grazas ó fío musical instalado nos últimos anos por todo o centro urbano. Tamén se instalou na Praza Maior a Casita de Papá Noel, que funcionará en horario de 17:00 ata as 20:00 da tarde do 21 ó 24 de decembro. Os negocios asociados ó CCHV repartirán 8.000 cartas entre os nenos da vila para que lle poidan escribir a Papá Noel a carta a depositar na Casita. E nas vindeiras semanas farán o propio tamén cas cartas para os Reis Magos”, engade o CCHV, que tamén dá a coñecer que “do 21 ó 24 Papá Noel e os Elfos recibirán ós nenos, recollerán tódalas cartas e atenderán as peticións dos máis pequenos. Este ano ó carón da Casita tamén se colocou un buzón xigante onde os nenos poderán depositar as súas cartas no horario no que a Casita non estea aberta. Continuamos así un clásico do Nadal de Viveiro, ó que acoden moitos nenos da comarca cheos de ilusión”. 

O Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro explica ademais: “este ano tamén queremos mimar cada agasallo que se merque no comercio local polo que se repartirán entre os negocios asociados, 20.000 bolsas de papel e pegatinas, un packagin para preparar os agasallos de Nadal e que o comercio local marque a diferenza. E para os que están faltos de ideas e non saben que mercar, poñómosllo un pouco máis fácil coas Tarxetas Regalo do CCHV, que son un acerco seguro. Estas tarxetas fanse personalizadas e pódense gastar en mais de 130 negocios asociados.

O comercio local de Viveiro abrirá o sábado 6 de decembro, o domingo 21 e o 4 de xaneiro.