
O deputado provincial de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, participou na presentación da XI Feira de Gando de Cangas de Foz, que se celebrará este domingo, día 17 de agosto, na área recreativa dos Castros, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
"Os Cabaleiros de Cangas -apoiados pola comunidade de montes de Cangas e polos colectivos culturais e veciñais da parroquia – organizan unha nova edición desta feira que retomaron fai once anos, recuperando o espíritu da antiga feira de gando que se celebraba o terceiro domingo do mes de agosto. Arredor da feira de gando e do mercado tradicional, a organización programou diferentes actividades para animar o mercado e manter o interese de gandeiros e gandeiras, pero tamén amantes dos animais e visitantes que se acheguen ata a área recreativa ao longo do día. Durante a mañá ofrécense paseos gratuítos en cabalo e pola tarde -a partir das 16.00 horas- celebraranse concurso de andadura chapeada e serrada, contando con categoría sub 16 para amazonas e xinetes de menos idade", anuncia a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado de Rural Daniel García destacou que sexa “un colectivo de xente nova, que creen no potencial do rural e loitan porque non esmoreza, os que se puxeran á fronte da recuperación da feira e a manteñan” e manifestou o “apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a estas feiras que, ademais de dinamizar a venda de gando, xeneran recoñecemento e visibilidade para os gandeiros e gandeiras que crían os animais durante o ano, facendo un traballo fundamental para o coidado dos montes”.
O recinto feiral contará con postos de comida e animación musical.