A Casa da Cultura de Alfoz acollerá un concerto de acordeóns o 10 de decembro e un espectáculo de monicreques o día 17.

O 10 de decembro ás 19:30 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura terá lugar un concerto da Asociación de Acordeonistas da Mariña.

Trátase dnha ocasión única para poder desfrutar da música a través da interpretación de 15 acordeonistas da bisbarra. A entrada é de balde, ata completar aforo e está dirixida a todos os públicos. 

A Área de Cultura municipal segue apostando pola música e o teatro neste mes de decembro e agradecendo a boa acollida por parte do público, non só de Alfoz senón de toda a Mariña que se achega a participar na oferta cultural do concello.

O 17 de decembro ás 19:00 horas tamén no Salón de Actos da Casa da Cultura Monicreques KuKas presentará "Xan Perillán e a maleta máxica".

Ao remate da representación entregaranse os premios do XX Concurso de Postais de Nadal que se organiza desde a Biblioteca Municipal. Ademais, todas as nenas e nenos participantes terán o diploma e un pequeno agasallo como agradecemento pola súa participación. Os debuxos gañadores serán, como é costume, a imaxe dos calendarios do Concello de Alfoz para 2023. 

O espectáculo de Kukas está dirixido a público familiar e nenos e nenas a partir de 3 anos que combina clown e pantomima con maxia e manipulación de monicreques. Interpretado por Marcelino de Santiago (Kukas) e dirixido por Isabel Rei.

Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco… Pero onde queda Pernambuco? No hemisferio norte ou no sur?... cun pouco de maxia e a axuda dos nenos seguro que o descubrirá.

Xunta todas as súas cousas e vainas metendo nunha maleta, pero non é unha maleta calquera pois todo o que nela entra convértese nun truco de maxia.

E por riba o seu loro Ravachol aparece e desaparece por arte de birlibirloque.