
A Casa da Cultura acolleu a inauguración da exposición de pintura titulada Arte neofuturista, do artista Xosé López Losada, coñecido como Xolo, nun acto “cargado de emoción no que a cor e a creatividade se converteron nas grandes protagonistas”, explica o Concello de Cervo.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, estiveron presentes nesta inauguración, acompañando o artista, respaldado por varios dos seus compañeiros e compañeiras da asociación Saúde Mental A Mariña. “Un dos momentos máis especiais da xornada chegou cando o artista agasallou a alcaldesa con dúas das súas obras, nun xesto cheo de afecto que engadiu aínda máis emoción a esta inauguración”, engade o Concello de Cervo e a alcaldesa agradeceu a Xolo que “quixese compartir con todos nós o seu talento e a súa obra”, destacando “a ilusión que supón acoller unha exposición que enche de cor a Casa da Cultura. É un orgullo poder gozar da túa arte e da túa maneira tan especial de transmitir emocións a través da pintura. Grazas por compartir con nós o teu talento e por regalarnos unha mostra chea de vida, alegría e sensibilidade”, sinalou Dolores García Caramés, que convida ás persoas visitantes “a mergullarse no universo creativo de Xolo e a descubrir a súa maneira particular de entender e transmitir emocións a través da pintura”.
A rexedora tamén destacou o valor desta exposición: “é unha alegría ver como a arte se converte nun espazo para compartir emocións, expresar sentimentos e encher de cor e ilusión a nosa Casa da Cultura. Desde o Concello queremos seguir apoiando iniciativas coma esta, que nos permiten gozar da creatividade e, ao mesmo tempo, dar visibilidade ao importante labor que desenvolve Saúde Mental A Mariña”, sinalou Dolores García Caramés.
O Concello de Cervo anima “a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten a achegarse á Casa da Cultura para descubrir Arte neofuturista, gozar da forza das súas cores e deixar voar a imaxinación a través da obra de Xolo”.


