
Cervo acollerá do 14 ao 16 de agosto as tradicionais festas na honra da Nosa Señora, Virxe do Carme e San Roque, que volverán converter o núcleo cervense “nun punto de encontro para veciños e visitantes cunha programación que combina actos relixiosos, música, gastronomía e actividades para todas as idades”, anuncia o Concello.
A presentación dos festexos contou coa participación da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; da concelleira Mali Méndez; e de representantes da Asociación Cultural Rego Cachón, entidade organizadora das festas do 15 e 16 de agosto.
A programación arrancará o venres 14 de agosto coa tradicional Festa do Ovo Frito, organizada por Airiños do Xunco e Cabaleiros da Bidueira, que contará coa animación da Charanga DGIT e da Discomóbil Conxuro.
O sábado 15 de agosto ás 13:00 horas celebrarase a misa solemne cantada polo Coro de Cervo e a procesión acompañada por Fol do Raxal. A continuación haberá sesión vermú co grupo Euphoria e, pola noite, verbena co propio grupo Euphoria e o dúo Caramelo.
O domingo 16 de agosto, tamén ás 13:00 horas, terá lugar a misa solemne cantada polo Coro de Cervo e a procesión acompañada por Fol do Raxal. Seguirá a sesión vermú coa orquestra Galaxia, que tamén ofrecerá a verbena da noite. Ademais desde as 18:00 horas haberá inchables na Praza do Souto “para o desfrute dos máis pequenos”.
Como broche final o sábado 22 de agosto celebrarase o Mercado Tradicional e a XLVIII Queimada Popular de Cervo, organizada por Airiños do Xunco, “unha das citas máis emblemáticas do verán cervense e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia”.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, convida a toda a veciñanza e aos visitantes a participar nestes festexos: “as festas de Cervo son unha magnífica oportunidade para reencontrarnos, compartir tradicións e seguir facendo pobo. Quero agradecer o enorme traballo da A.C. Rego Cachón, de Airiños do Xunco, dos Cabaleiros da Bidueira e de todos os colectivos e persoas voluntarias que, coa súa implicación e esforzo, fan posible un programa tan completo e atractivo”.
Caramés destacou tamén: “desde o Concello seguiremos apoiando estas celebracións porque forman parte da nosa identidade e contribúen a dinamizar social e economicamente o municipio durante o verán”, animando a todos a gozar dunhas festas “pensadas para todos os públicos, nas que non faltarán a música, a tradición, a gastronomía e o mellor ambiente”.


