
O Concello de Cervo vén de presentar o Festival de Narración Oral De Cobo a Xunco, que se celebrará ao longo do mes de setembro, cada venres, en distintas parroquias e lugares do municipio. Na presentación participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés, e Carmen Conde e de Diego Gallego, en representación da compañía Tarabela Creativa, de quen partiu a idea orixinal da proposta.
O Concello de Cervo explica que “De Cobo a Xunco toma o nome dos dous ríos cervenses, o Cobo e o Xunco, que percorren o municipio ata atoparse co mar, simbolizando o camiño compartido das historias que unen ás persoas e á cultura local. Este festival pretende programar a grandes profesionais da narración oral galega para o publico infantil e adulto, e crear unha competición sa entre ambos ríos nunha gala final que se celebrará no auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián o venres 26 de setembro ás 22:00 horas e que contará con Carmen Conde como embaixadora do Río Cobo e con Caxoto como embaixador do Río Xunco; ademais de Lupe Blanco e Alba María, regueifando cada unha en representación dun río. O público asistente escollerá cos seus aplausos que río é o gañador. Tamén haberá un recoñecemento a un persoeiro/a da Cultura de Cervo”.
A alcaldesa puxo en valor esta iniciativa, que “aposta pola tradición oral como ferramenta de expresión, convivencia e memoria, ao tempo que animou a toda a veciñanza a participar nas diferentes sesións previstas”. Quixo agradecer especialmente á compañía Tarabela Creativa a proposta orixinal do festival, “unha idea que recolle o espírito creativo e participativo de Cervo”.