Do 15 ao 31 de outubro poderá visitarse en Ribadeo a exposición fotográfica “Tan coma ti”, da asociación Down Lugo

Do 15 ao 31 de outubro poderá visitarse en Ribadeo a exposición fotográfica Tan coma ti, da asociación Down Lugo. A mostra estará exposta na Oficina de Turismo. O acto inaugural será o día 15, mércores, ás doce do mediodía.

“Trátase dun proxecto da Asociación Down Lugo que ten como obxectivo amosar a realidade actual das persoas coa síndrome de Down, rompendo estereotipos e reivindicando o seu papel activo e valioso na sociedade. Tan coma ti é unha exposición fotográfica inspirada na campaña homónima lanzada por Down España este 2025 con motivo da celebración do Día Mundial da Síndrome de Down o pasado 21 de marzo. Esta campaña busca sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de construír unha sociedade verdadeiramente inclusiva e desmontar estereotipos, amosando que as persoas coa síndrome de Down senten, pensan e actúan da mesma forma que as demais persoas, teñan discapacidade ou non”, explica o Concello de Ribadeo, que engade: “son 40 fotografías que capturan momentos cotiáns de persoas con síndrome de Down. A mostra convida ao espectador a reflexionar sobre as similitudes que nos unen como seres humanos, máis alá das diferenzas visibles. O obxectivo é promover a inclusión, o respecto e a empatía, desafiando prexuízos e fomentando unha visión máis xusta e equitativa da diversidade humana. Cada imaxe retrata a unha persoa/grupo de persoas coa síndrome de Down desenvolvendo unha actividade cotiá. O elemento distintivo de cada fotografía é o seu pé de foto, unha frase dita pola propia persoa/s retratada/s, que recolle a esencia da escena e transmite a súa mirada sobre a vida. Estas frases funcionan como fío condutor emocional da exposición, ofrecendo ao espectador unha oportunidade para escoitar directamente ás persoas protagonistas. As retratadas pertencen a distintos puntos da provincia de Lugo, o que achega unha visión plural e representativa da realidade do territorio. Por este motivo, Tan coma ti nace como unha exposición itinerante, co obxectivo de percorrer diferentes concellos e centros culturais da provincia, achegando a súa mensaxe de inclusión e respecto á diversidade a toda a cidadanía. Esta actividade supón o punto de partida dunha colaboración entre o Concello de Ribadeo e a Asociación Down Lugo, que traballarán man a man para promover a visibilidade, inclusión e participación plena das persoas con discapacidade no municipio.

A concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, destaca que “a través destas imaxes, captadas con sensibilidade e respecto, os visitantes poderán achegarse ás vivencias cotiás, intereses, soños e capacidades das persoas protagonistas, destacando que, como indica o título da exposición, son tan coma ti”.

O alcalde, Dani Vega, salientou que “esta iniciativa enmárcase no compromiso do Concello de Ribadeo coa diversidade, a igualdade de oportunidades e a inclusión social, e é o primeiro paso dunha serie de accións conxuntas previstas para os vindeiros meses, como é o Foro Down Tan iguais coma diferentes, que terá lugar o 25 de outubro, grazas tamén á colaboración da Xunta de Galicia”.